
O Concello de Nigrán arrancou esta fin de semana co festival Vive Nigrán a súa oferta cultural de verán dando protagonismo, como é habitual, á mellor música nos mellores escenarios do mundo. Toda a programación está a disposición dos interesados na páxina web do Concello http://www.nigran.es no apartado de portada “Próximos Eventos” e se irán actualizando con novidades.
Consecuentemente, o Concello aposta pola continuidade na súa selección. Así, está o Nigranjazz a finais de xullo (28 e 29 de xullo) Solpor por vez primeira con dúas edicións (14 e 15 de xullo e 25 e 26 de agosto), os food-trucks de Rilla na Rúa (do 21 ao 25 de xullo na Alameda da Ramallosa), o festival miúdo Parrulas Fest (do 2 ao 5 de agosto), a concentración de artefactos flotantes Flota como Poidas (6 de agosto na Foz do Miñor), o Chandefolk (14 de agosto), o festival da cervexa artesá Val Miñor Fest (do 16 ao 20 de agosto) ou os concertos de Carlos Núñez en Monteferro (4 e 5 de agosto). Eventos do Concello que funcionaron moi ben o ano pasado, como o Cinema a Pedal, se repiten e, ao mesmo tempo, o Concello colabora con outros festivais como o Espazo Fest no que destaca o concerto de Wilco o 20 de agosto no Pazo de Urzáiz, o Reggaeton Beach en Porto do Molle (5 e 6 de agosto) ou o concerto de Chanel (14 de agosto en Porto do Molle). No eido deportivo destaca a clásica xa Nigrán Area, a carreira popular pola ribeira de Praia América e Panxón (13 de agosto) e hai que sumar as tradicionais actividades na praia de Patos e Praia América.
Como xa é habitual, tampouco faltarán roteiros como o xeolóxico por Patos-Monteferro ou teatralizados, e se incorpora como novidade a observación nocturna de petróglifos en Chandebrito, Priegue e Monteferro. Teatro do Ar será protagonista tamén de diferentes actuacións e se incorporarán outras a través de “Cultura no Camiño”. Así mesmo, o Concello mantén a súa colaboración coa Semana Cultural de A Carrasca (do 8 ao 11 de agosto) ou a Baixada de Carros de Bólas en Camos (15 de agosto).
“Como cada ano, queremos chegar a todo tipo de público ofrecendo actividades moi diversas para que ninguén se sinta excluído, a programación de verán é tamén un fiel reflexo do ‘Nigrán para todos’ do que sempre presumimos”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que se trata “dunha programación de continuidade” ao estar xa a maioría dos eventos moi consolidados no calendario local. Ao longo destas semanas iranse pechando máis actividades culturais, estando sempre actualizado o calendario na web http://www.nigran.es.