Unha trintena de barcos peregrinarán desde Baiona a Santiago de Compostela

30 barcos reuniranse, a partir deste próximo luns día 3 de xullo, para peregrinar desde Baiona ata Santiago de Compostela na Ruta Rías Baixas Isonor. É a terceira edición dunha travesía que, organizada polo Monte Real Club de Yates, o Real Club Náutico de Portosín e Xeodestino Ría de Muros e Noia co patrocinio de Isonor, naceu hai dous anos para converterse nun camiño máis dos diferentes roteiros que conforman o Camiño de Santiago e divulgar a cultura mariñeira, promover o turismo náutico, impulsar o deporte da vela e dar a coñecer as potencialidades dos nosos portos.

Nesta terceira edición participarán un total de 30 barcos, chegando de novo ao límite establecido pola organización para ofrecer a mellor experiencia durante a travesía, así como tamén nos diferentes portos nos que recalará a frota. En cada unha das cinco etapas que compoñen o roteiro unirase turismo, natureza, deporte, gastronomía, relixión e tradicións.

A peregrinación marítima comezará este próximo luns, día 3 de xullo, coa frota partindo ás once da mañá de Baiona rumbo a Combarro. As seguintes etapas terán como destino A Toxa, Pobra do Caramiñal e Muros, chegando finalmente o venres a Portosín acumulando máis de 120 millas desde o punto de partida.

O sábado día 8 os participantes poderán completar a pé o último tramo cara á capital galega e obter así A Compostela tras selar a súa credencial do peregrino en cada porto. O roteiro leva tres embarcacións de seguimento que acompañarán á frota e unha furgoneta por terra de organización e seguridade.

A III Ruta Rías Baixas Isonor foi presentada este venres no club baionés nun acto que estivo presidido por José Luis Álvarez, presidente do Monte Real Club de Yates, e Jorge González Cuenca, CEO do Grupo Isonor, contando tamén coa presenza de Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona; María Fraguas, directora comercial do Grupo Isonor; José Antonio Marcote, responsable de comunicación a Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros e Noia; Jorge Arán, presidente do Real Club Náutico de Portosín; e Ignacio Sánchez Otaegui, comodoro do Monte Real.