Sin categoría

O PP de Nigrán denuncia o actual estado de abandono da estrada PO-325

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia o actual estado de limpeza do viario PO-325 (Estrada pola Vía) no tramo correspondente ao Concello de Nigrán, que abarca desde Prado, na parroquia de Priegue, ata o centro urbano de Ramallosa.

“A situación do viario en cuestión, do mesmo xeito que moitas outras estradas e camiños do Concello, é dun total abandono por parte do goberno municipal, que desatende de maneira flagrante as súas obrigacións en materia de limpeza e mantemento. Actualmente, na estrada PO-325 pódese observar como existe unha falta de mantemento manifesta, con maleza invadindo as beiravías e restos de entullos e lixo ao longo do percorrido que entorpecen a senda peonil e o carril bici”, sinala a portavoz popular.

“Esta situación, que provocou gran malestar entre os veciños, é ben sabida desde a corporación municipal socialista, que, como vén sendo habitual, tenta buscar culpables externos para tapar a súa propia incompetencia á hora de xestionar. O alcalde Juan González trata de responsabilizar á Xunta de Galicia, á que atribúe as competencias do mantemento da estrada PO-325, alegando que se trata dun viario de titularidade autonómica e, por tanto, alleo á acción do Concello”, continúa dicindo María José Pino.

Con todo, segundo os populares, “esta argumentación é categoricamente falsa, pois existe un convenio que data do ano 2021 entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Nigrán no que este último faise cargo das competencias de limpeza da estrada PO-325, polo que unha vez máis o goberno socialista recorre á mentira e a botar balóns fose para tapar o seu inacción e mala xestión”.

Desde o Partido Popular de Nigrán esíxese a inmediata posta en marcha dos medios necesarios por parte do Concello de Nigrán para emendar o actual estado da estrada PO-325, así como o recoñecemento das competencias por parte do mesmo, co fin de establecer unha mellor planificación para a limpeza do viario no futuro.