Nigrán bautiza oficialmente o “Alto da Pintora”

De popular a oficial. A zona de Mallón coñecida pola veciñanza como “Alto da Pintora” foi “bautizada” na mañá deste xoves polo Concello de Nigrán cunha placa que así o indica. O acto, ao que asistiu o alcalde, concelleiros e veciños, foi realizado aproveitando o concerto matinal que cada ano a banda de música realiza ante as portas da histórica panadaría para inaugurar as festas de San Pedro e agradecer deste xeito a colaboración fiel do negocio.

As tres xeracións de “La Pintora” formadas por “Maruja” Carballo, Adolfo Villafines e Mara (avoa, fillo e neta, respectivamente) descubriron orgullosos esta placa que identifica a contorna grazas ao seu negocio, recoñecido como unha das mellores panadarías de España en diferentes certames e “Premio Nigrán 2014 ao Mérito Empresarial”.

O Concello de Nigrán colabora coa celebración das festas de San Pedro da Ramallosa, do 29 de xuño (festivo local) ao 1 de xullo, achegando 4.000 € a través da iniciativa “Música nas Parroquias”.