Preto de cen profesionais das telecomunicacións participan nunha escola de verán en Baiona

As futuras redes sen fíos -WiFi, celulares ou persoais- serán redes de comunicacións e sensado conxunto. Para discutir os últimos avances tecnolóxicos que farán posible esta evolución, uns cen profesionais do ámbito das telecomunicacións participan durante esta semana nunha escola de verán no Parador de Baiona, na que se están expoñendo as distintas aproximacións a esta interacción entre sensado e comunicación. Os asistentes, chegados de diferentes partes do mundo, contan cos relatorios dos mellores investigadores e profesionais de diversos sectores, que representan ás comunidades de procesamento de sinais, aeroespacial, microondas, comunicacións e informática. A escola de verán está organizada por NC State University (Estados Unidos), o centro tecnolóxico Gradiant e o centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, xunto a outras entidades universitarias internacionais de prestixio.

Durante as xornadas, están a avaliarse diferentes estratexias para a coexistencia e o codeseño de sensado e comunicación, e tamén enfoques máis novos que explotan directamente os sinais de comunicación, sen ningunha modificación no seu deseño, para a aplicación de posicionamento. Outras aplicacións máis disruptivas, que van máis aló de proporcionar estimacións de posición e velocidade, tamén están a ser discutidas: detección de xestos ou actividade humana con sinais WiFi, mapeado da contorna con sinais celulares etc. Está a facerse fincapé nunha perspectiva multidisciplinar, destacando as consideracións relacionadas coas limitacións do hardware ou os deseños prácticos de antenas para diferentes bandas de frecuencia.