
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e do departamento de Memoria Histórica provincial, axudará a seis concellos da provincia (Agolada, Bueu, Gondomar, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas e Vilaboa) a retirar simboloxía franquista de diferentes construción no seu espazo público.
A deputada de Memoria Histórica María Ortega amosouse satisfeita de que esta liña de axudas, que cumpre a súa terceira edición, poida axudar aos gobernos locais a eliminar vestixios contrarios á memoria democrática que estean situados en edificios de carácter público municipal, unha obriga marcada por lei. Neste sentido, a nacionalista destaca que a Deputación busca promover proxectos de normalidade democrática e facilitar o cumprimento da normativa de Memoria vixente, e para iso tende a man con estas subvencións, dado que en moitos casos a falta de orzamento municipal impide levar adiante as retiradas de simboloxía franquista.
As achegas da Deputación, explica Ortega, poden destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.
No caso do Concello de Agolada, a subvención será destinada á substitución de placas identificativas do rueiro municipal; en Bueu retirarase a simboloxía franquista na contorna do lavadoiro do río Novo de Trasouto; en Gondomar retiraranse os elementos franquistas das antigas escolas de San Cibrán-Donas; en Pazos retiraranse diversos elementos ao longo do municipio; en Ponte Caldelas retirarase o alusivo ao franquismo da fonte-lavadoiro da igrexa de Forzáns; mentres que en Vilaboa eliminaranse os vestixios do lavadoiro de Fonte de Casal de Santa.