Sin categoría

Somos Nigrán denuncia “meses de espera” para acceder ao programa “Xantar na Casa”

A pesar do anuncio en prensa o pasado mes de febreiro por parte do Goberno de Nigrán dun novo convenio co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, para o aumento de persoas beneficiarias do programa “Xantar na Casa”, o certo é que aínda non existe unha solución para reducir o tempo de espera de acceso a este servizo.

Este programa está dirixido a colectivos de persoas maiores e persoas en situación de dependencia, ten como finalidade prestar apoio domiciliario a estes colectivos mediante prestacións alimentarias para mellorar a calidade de vida, a autonomía das súas usuarias/os e a conciliación das súas coidadoras/es.

Desde a Plataforma Cidadá “Somos Nigrán” manifestan que fontes próximas ao Concello de Nigrán aseguran que estas novas prazas só terían que ser aprobadas en pleno para a súa activación, polo que solicitan que se lle dea máxima prioridade a este asunto na próxima sesión plenaria, xa que diso depende o benestar de familias do municipio.