Bolsas de supermercado, caixas, lonas, botellas, anacos pequenos de plástico… son só algúns dos exemplos da contaminación mariña que o UAV solar M5D-Airfox de Marine Instruments alcanzou a otear preto da costa española. Estas deteccións de plástico acumulado forman parte dunha serie de probas que se están levando a cabo dentro da operativa de Inspección Pesqueira. Dita operativa está liderada por Secretaría Xeral de Pesca (SEGEPESCA), entidade que cedeu o drone a Salvamento Marítimo (SASEMAR) para labores de prevención e loita contra a contaminación de contornas mariñas.
Varridos aéreos optimizados
Salvamento Marítimo, ademais de salvar vidas humanas no mar, leva anos facéndolle fronte ao desafío dos plásticos no océano, pero España ten uns 8.000 quilómetros de costa e resulta complicado vixiar áreas tan extensas. Para a realización destas tarefas Salvamento contaba, ata o momento, con avións tripulados propios pero o uso deste tipo de aeronaves podería supoñer unha optimización neses labores de procura.
Así, a principios de xuño SASEMAR levou a cabo diversas probas co M5D-Airfox na costa de Málaga e Almería. Neste caso, o Airfox realizou operacións diferentes ás que está a acometer desde fai máis dun ano con SEGEPESCA, onde se encarga da vixilancia marítima de toda a costa española para a detección por aire da pesca ilegal. Con SASEMAR, o UAV non busca obxectivos concretos, senón que trata de varrer grandes extensións de mar. Para estes exercicios, a compañía galega realizou un minucioso traballo de cálculo e diversas probas co fin de optimizar o sistema e poder cubrir a maior extensión de mar posible no menor tempo.
Un UAV para otear plásticos no mar
Estas probas, mediante as cales se operou o Airfox dous días na costa de Málaga e outros dous na costa almeriense tiveron bos resultados. Concretamente, no Mar de Alborán en Almería, a aeronave detectou unha zona de concentración de plásticos, tal e como esperaban desde SASEMAR. Tamén se otearon moitos plásticos dispersos e de menor tamaño, por iso desde Salvamento Marítimo consideran ao Airfox como unha ferramenta de utilidade para esta operativa.
Tecnoloxía dual e versátil para contornas mariñas
O M5D-Airfox é unha aeronave a propulsión solar deseñada especificamente para o seu uso desde plataformas navais e para operar desde o mar. Conta cunha autonomía de ata 10 horas en condicións de máxima insolación, cunha cobertura de radioenlace de 18 millas náuticas e cunha cámara HD 360º con transmisión en tempo real. Ademais, o seu lanzamento pode ser manual ou mediante lanzadeira e recupérase con rede, e conta coa autorización especial de AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea) para realizar voos BVLOS (Beyond Visual Line of Sight), é dicir, voos de vixilancia fóra do alcance visual e sen necesidade de solicitar aprobación para cada traxecto. Grazas á súa gran versatilidade, pode asumir con gran eficacia operacións militares de vixilancia, seguimento e detección de brancos e obxectivos.
Por todo, o Airfox, foi adquirido pola Armada, despois de numerosos exercicios de apoio en misións ISR, tanto nacionais como internacionais. Dos exercicios destaca a intervención no programa RAPAZ, promovido pola Dirección Xeral de Armamento e Material (DGAM), participando en exercicios como o 22 do REP MUS que tivo lugar en Portugal e onde operou desde o BAM AUDAZ da Armada durante a súa participación no exercicio DYNAMIC MESSENGER 22, organizado pola OTAN.
Ademais, en 2022, o M5D-Airfox participou no Mar Vermello nos exercicios internacionais Cutlass Express 2022, por invitación da US Navy e tamén superou satisfactoriamente distintas probas durante o exercicio Esp Minex-22, da Armada. E máis recentemente, a Forza de Medidas Contra Minas operou a aeronave a bordo do buque Furor.


