Sin categoría

Afluencia masiva a Panxón para celebrar a noite de San Xoán

Superada a situación de pandemia, Panxón e Praia América recibiron este venres unha afluencia masiva de persoas para celebrar a noite de San Xoán e dar a benvida ao verán. Unha tirada de fogos de artificio daba paso a medianoite ao aceso das tradicionais fogueiras. Ademais da grande, múltiples réplicas de menos tamaño iluminaban o areal, cheo sobre todo na contorna da desembocadura do río Muíños de mozos e mozas que aproveitan esta noite para celebrar o fin de curso e o inicio das vacacións.

Para velar pola seguridade, o Concello de Nigrán dispuxo dun dispositivo conformado por máis de 200 persoas -a totalidade da Policía Local con algo máis de 30 efectivos (sumándose doutras localidades en “comisión de servicio”) xunto a Garda Civil e axentes de Tráfico, Seprona, Policía Autonómica, GES e Protección Civil-. A maiores, como vén sendo habitual, a zona deportiva de Gaifar contou cun hospital de campaña e un Punto Violeta de atención a posibles casos de violencia de xénero e, como cada ano, as dunas quedaron pechadas perimetralmente para impedir o paso e iluminadas para mellorar a vixilancia.

Despois de varios anos sen comisión de festas, volveron as actuacións musicais, os postos de venda e as atraccións, que se prolongarán ata o domingo. Así, este venres os asistentes puideron gozar da verbena no porto pesqueiro, co Grupo América S.L. e Metrópolis. Tras as multitudinarias fogueiras, o sábado día 24 ás 19:00 horas a Banda de Cornetas e Tambores da Brilat ofrecerá un concerto. Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na honra de San Xoán Bautista cantada polo Coro Stella de Panxón, seguida de procesión acompañada pola Banda da Brilat. Pola noite, a partir das 22:30 horas, a verbena estará amenizada polos grupos Conexión e La Banda de Ayer.

O domingo 25 de xuño ás 11:00 da mañá fará entrada e pasarrúas a Agrupación Musical de Vincios, que ofrecerá un concerto no porto ás 12:00 do mediodía. Ás 20:30 arrancará a verbena coa orquestra La Oca Band. Ás 21:30 horas celebrarase a Misa Solemne na honra da Virxe do Carme cantada pola Coral Polifónica “Novos Aires” de Nigrán, seguida de procesión pasando polo porto acompañada pola Agrupación Musical de Vincios, con gran tirada de fogos de lucería. Ao remate continuará a verbena.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.