O ciclo “HabitarMe” chega este sábado a Gondomar

O ciclo “HabitarMe”, que este mes de xuño están a promover a Deputación e a Fundación Igualarte en concellos da provincia, chega ao seu fin este sábado e domingo, 24 e 25 de xuño, en Gondomar e Redondela. Os últimos pases da peza, interpretada por persoas da entidade que integra Al Lío, a compañía teatral ao abeiro da fundación, terán lugar o sábado ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío de Gondomar e o domingo ás 19:00 horas no Auditorio Multiusos da Xunqueira en Redondela. A entrada é libre ata completar o aforo.

Al Lío é unha compañía de teatro, danza e expresión corporal que cuestiona a relación entre o corpo e a mente a través de historias da vida cotiá dende unha perspectiva feminista. Neste proxecto as súas integrantes interpretan “HabitarMe”, unha peza de danza-teatro que trata sobre mulleres diversas, ben habitadas, que fan, que cuestionan, que están incómodas, que optan por moverse da seguridade do preestablecido porque descobren que hai outras formas que as definen. A obra fala da dialéctica do non parar, non pensar, non sentir e de súpeto un crack, unha pausa, un alento máis longo do habitual, onde nacen as ganas. Dirixida por María Romano, a peza será interpretada por Helena Cuber, Eva García, Vanesa Lea e Carmen Gómez.

Ademais de Gondomar e Redondela, o ciclo percorreu ao longo deste mes de xuño os concellos de Bueu, Cambados e Salceda de Caselas.