Como cada verán o Baloncesto volve ao Parque da Palma en Baiona. Con moitas ganas e ilusión, o Club Baloncesto Baiona e a Concellería de Deportes organizan a XXVI Edición do Torneo 3×3 Vila de Baiona, os días 11 e 12 de agosto. Neste torneo o obxectivo principal da organización é crear un bo ambiente para poder gozar dunhas xornadas de baloncesto bonitas e intensivas. Para iso, como en anteriores edicións, elaboráronse categorías para que todos e todas poidan participar. As modalidades son: veteranos (máis de 40 anos), adultos (masculino e feminino), sub 16 (mixto) e sub12 (mixto). Pódense anotar entre 16 e 20 equipos e cada conxunto debe estar formado por un mínimo de 3 xogadores e un reserva e como máximo 6 integrantes.
Todos os partidos terán unha duración de vinte minutos e o encontro finalizará cando termine este tempo ou cando un dos dous equipos chegue aos 21 puntos. Os partidos estarán dirixidos por árbitros da Federación Galega de Baloncesto. Cada xogador recibirá unha camiseta de recordo por participar no Torneo, realizaranse diferentes sorteos durante o evento e os gañadores de cada categoría recibirán un trofeo e tickets agasallo. Este torneo que acolle a máis de 250 participantes en cada unha das súas edicións, leva a cabo tamén grazas á colaboración de La Caixa, Coca-Cola e Villa Rosa.
Para máis información sobre anotarse, prezos e horarios os interesados poden poñerse en contacto no mail deportes@baiona.gal ou no teléfono 986356558.

