A XIII edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán espera reunir a máis de 400 nadadores entre os cinco percorridos que se disputarán o domingo 2 de xullo, en Praia América, consolidándose como a travesía a nado popular con maior participación de Galicia. A proba contará coa presenza de nadadores de seis comunidades autónomas (Galicia, Madrid, Cataluña, Castela-León, Asturias e País Vasco), Brasil e Portugal, con idades comprendidas entre os 4 e 79 anos (Manuel Cruces Prado é o nadador máis veterano). Nesta edición, a participación das mulleres representa máis do 30% do total.
Esta mañá presentouse en rolda de prensa a proba no Club Marítimo de Panxón. Ao acto asistiron o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez; as concelleira de Deportes e Educación de Nigrán, Sandra Penedo e Estela Pérez Pérez, respectivamente; o responsable e coordinador de xerencia do Centro Comercial Nasas Nigrán, Justiniano Diz; o xerente do Club Marítimo de Panxón, Ricardo Martínez-Abril; a responsable de márketing do concesionario Ángel Leirós Motos, Celsa Borrajo Leirós; Lucía Pernas, en representación da empresa Atunlo, e Beatriz Alvariño Díaz del Río, da organización da travesía.
O alcalde de Nigrán, Juan González, incidiu na importancia da celebración da travesía para Nigrán e a zona do Val Miñor con presenza de nadadores de distintos puntos de España e estranxeiros, e destacou a elevada participación dos nenos que participarán nos percorridos infantís de 50 e 150 metros, na que espera superar a cifra da edición anterior con máis de 60 nenos con idades comprendidas entre os 5 e 13 anos.
Pola súa banda, Beatriz Alvariño presentou a nova imaxe da travesía, deseñada polo ilustrador Evaristo Pereira, onde destaca o carácter familiar da proba, e agradeceu o apoio do Concello de Nigrán, patrocinadores (Deputación de Pontevedra, Centro Comercial Nasas Nigrán, Abanca, Coca-Cola, Froiz, Rodosa, Gadis, Centro Comercial A Ramallosa, Atunlo e o concesionario Ángel Leirós Motos), así como de todos os colaboradores, en especial o Club Marítimo de Panxón, onde se servirá un aperitivo a todos os participantes e acompañantes tras a finalización da travesía grazas ao patrocinio de Atunlo. Ademais, sortearanse máis de 40 agasallos entre os nadadores rexistrados.
As inscricións poderán formalizarse ata o mércores 28 de xuño ás 24:00 horas na páxina web de Champion Chip Norte. A inscrición inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa, gorro, balizado, cronometraxe electrónica por chip, avituallamento, seguro, asistencia médica, premios, fotografía, xeado, aperitivo no Club Marítimo de Panxón, participación no sorteo de material deportivo e medallas para todos os nenos.
Percorridos
Durante a travesía disputaranse tres percorridos de 4.000, 2.700 e 800 metros, e o neopreno será optativo en todas as distancias. O percorrido longo consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada á altura do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.
O percorrido de 2.700 metros terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata o faro de Cabezo de San Juan, bordealo e regresar ao momento de meta polo lado dereito.
Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal de Praia América e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.
A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas. No mar, despregarase un gran dispositivo de seguridade con embarcacións de Protección Civil do Val Miñor, Asociación Búsqueda y Salvamento Ría de Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks do Club Marítimo de Panxón, pádel surf de Shafire Ladeira Beach Club e motos acuáticas seguindo a proba.
Ademais, celebraranse dous percorridos de curta distancia de carácter non competitivo para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira, nos que se espera unha elevada participación. Haberá unha distancia de 50 metros (5 e 8 anos) e outra de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros), respectivamente.
Premios
Nos tres percorridos entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina, e nas distancias de 4.000 e 2.700 metros tamén aos tres primeiros/as que naden sen neopreno. Na proba raíña tamén se repartirán medallas aos tres primeiros clasificados/as das 12 categorías por idades. Ademais entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello de Nigrán no momento da inscrición, ao máis novo e de máis idade de todas as probas. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla.
A zona de concentración dos nadadores será o domingo 2 de xullo nas instalacións deportivas de Dunas de Gaifar en Panxón, a partir das 09:00 horas, onde se entregarán as bolsas aos participantes. Tamén haberá repartición de dorsais o día anterior no mesmo punto en horario de 16:00 a 20:00 horas.
A travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, o Concello de Nigrán e Atlantic Extreme Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Centro Comercial Nasas Nigrán, o concesionario Renault Rodosa, Supermercados Froiz, Centro Comercial A Ramallosa, Gadis, Atunlo e Ángel Leirós Motos. Tamén colaboran Coca-Cola, Frutas Sol, Arena, Club Marítimo de Panxón, El Playa Nigrán, Conservas Bernardo Alfageme, Saphire Ladeira Beach, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor, Búsqueda e Salvamento Ría de Vigo, Asociación Vodea, Clubnatacion.com, Waira, Kailúa, Talaso Atlántico, Rosquillas Cristaleiro e Tupana.


