“Voan versos e bolboretas” na entrada da Casa do Concello de Baiona

Dende o grupo de Aprendizaxe Cooperativa CA/AC (Cooperar para Aprender/Aprender a Cooperar) do CPI de Cova Terreña, estiveron traballando ao longo deste curso 2022-2023 na creación do proxecto “Voan versos e bolboretas”, no que traballou o alumnado de 1º, 4º, 5º e 6º de Primaria, e máis 1º de ESO.

A través da utilización de diversas estruturas cooperativas, crearon unha exposición aberta a todo o público na entrada da Casa do Concello de Baiona, unha mostra de todos os traballos realizados polo alumnado, nomeadamente cadros de bolboretas con poemas, proxeccións audiovisuais que mesturan a poesía e a imaxe, e grilandas de bolboretas que colgan dos teitos do espazo expositivo, entre outros moitos elementos.

Na xornada do xoves, na Praza do Concello, todo o alumnado deste proxecto participou na inauguración do mesmo. No evento, ao que acudiron dous grandes poetas e creadores da literatura galega, Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, que actuaron como madriña e padriño, houbo música, poesía, danza e expresión corporal, ademais de diversas presentacións, realizadas tamén polo propio alumnado.

O evento, que comezou contra as 19:00 horas e ao que acudiron máis de trescentas persoas, foi inaugurado polo alcalde en funcións da vila, Carlos Gómez, e máis pola directora do CPI de Cova Terreña, Isabel Martínez Cabaleiro.