Bricolabs de Madrid e Las Acacias de Vigo gañadores da VI Regata Solar Marine Instruments

A Praia da Ribeira de Baiona albergou este sábado a VI edición da Regata Solar que convoca cada ano Marine Instruments. Co patrocinio do Excmo. Concello de Baiona, Coca Cola, Gadis, TuyPan e o Monte Real Club de Yates, a cita coa innovación tecnolóxica e a mocidade, fixo que os areais baioneses poboásense de 300 mozos chegados desde distintos recunchos de España, incluídas as catro provincias galegas, nunha competición que promove as inquietudes científicas entre os escolares, contando sempre co interese e apoio dos seus mentores.

Saldada a dúbida entre os organizadores ante un posible día nubrado, o sábado ofreceu unha mañá na que o ceo se foi abrindo, dando paso aos raios solares tan necesarios para levar adiante a competición. Primeiro arrancaron os barcos desde a beira, guiados polos asistentes ata a liña de saída e conducidos polos pilotos. Procedemento técnico en tempo de desconto, para afrontar dúas probas. A primeira de velocidade, sendo a segunda de destreza e resistencia, cunha volta ao circuíto simple, a de arrancada, e con dúas a máis complexa, de xincana entre boias.

O vencedor desta primeira serie combinada foi o Bricolabs 2, da Coruña, en Open; e Las Acacias, en Centros Educativos. Na Regata Solar de Open foi segundo o AI-023, de Vigo, e terceiro o Solar Scavenger madrileño, sendo a prata en colexios para Colexio Apóstol Santiago, e o bronce para o IES San Mamede. En Carreira de Coches Solares, disputada nun circuíto montado “ad-hoc” nas canchas de baloncesto do Paseo da Palma, os coruñeses de Bricolabs levarían tamén o triunfo en Open, sendo en Centros Educativos o gran vencedor Apóstol 23C, do Colexio Apóstol Santiago de Vigo.

Segundos postos en Open para OpRobots – Franky Tank, da Guarda e para Montecastelo, quedándose no terceiro banzo EGM de Madrid e Lasar/SunRay, do Colexio Santo Ángel, respectivamente. Os premios de deseño foron concedidos polo Xurado a Solar Scavenger, de Madrid, en Open; e a OP Robots, da Guarda, en Centros Escolares. A entrega de premios estivo presidida por Jesús Vázquez Almuiña, como primeiro acto oficial tras a súa toma de posesión como novo alcalde de Baiona, e que estivo acompañado por Mirian Ramos, do Departamento de Marketing de Marine Instruments, e de boa parte do novo grupo municipal.