“Asumimos este terceiro mandato coa mesma ilusión, ganas e forza que os dous anteriores pero coa diferencia de que agora sumamos máis experiencia”, con estas palabras o socialista Juan González asumiu esta mañá no Salón de Plenos o que será xa o seu terceiro mandato consecutivo en Nigrán, facendo así Historia no municipio. O rexedor, cunha maioría absoluta de 11 concelleiros fronte a 5 do PP e 1 do BNG, afronta o seu segundo goberno con ampla maioría absoluta (entrou na alcaldía no 2015 en minoría). O rexedor foi investido de mans dos seus concelleiros Alfonso Vázquez e Sara Penedo, avó e neta respectivamente e que actuaron como presidente e vogal ao ser os concelleiros de maior e menor idade de toda a corporación. A elección se produciu tras postularse tamén o PP á alcaldía e obter os votos dos seus cinco edís.
“Aos concelleiros que repiten e aos que non están temos que dicirlles que deben estar orgullosos do que fixemos porque conquerimos unha vez máis unha maioría esmagadora e non é fácil contentar á maioría das persoas dun municipio, e o fixemos xa dúas veces. Ogallá sexamos capaces de repetilo unha cuarta vez”, sinalou ao tempo que agradecía moi especialmente o labor do persoal municipal neste tempo e dos concelleiros que non repiten neste mandato e que estaban presentes entre o público. Así mesmo, González ofreceu a súa colaboración á oposición do PP liderada por María José Pino e do BNG por parte de Xavier Rodríguez, quen xa fora concelleiro en dous mandatos. “Ogallá que aportedes cousas boas para Nigrán porque é o que están agardando os veciños e veciñas, nós intentaremos mellorar e esperamos non defraudar a ninguén e que sigamos cos pés no chan, as portas abertas e mirándonos aos ollos”, finalizou.



