O alumnado do Conservatorio de Gondomar musicaliza o libro “Un paseo por Gondomar”

Este mércores 14 de xuño o Conservatorio Municipal de Música de Gondomar festexa o final do curso mesturando literatura e música co libro “Un paseo por Gondomar”. Os actos comezarán ás 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío, no que as e os pianistas, guitarristas, violinistas, clarinetistas e saxofonistas amosarán as súas pezas inéditas creadas para cada unha das personaxes e situacións do libro da escritora Soledad García.

O Concello de Gondomar promove esta iniciativa do Conservatorio, que conta con máis de 39 anos de experiencia e polo que pasaron a gran parte das e dos músicos da comarca do Val de Miñor. O marabilloso profesorado pon paixón a cada unha das disciplinas que se imparten no centro: educación auditiva e vocal, linguaxe musical e práctica instrumental de clarinete, saxofón, guitarra, piano, violín e viola. Mostra diso é a gran participación do alumnado neste proxecto.

“Un paseo por Gondomar” é o libro final da saga Dedas do grupo de fusión de arte Solaina. Narra a historia dun pequeno trasno da Casa Peralba, de nome Diego, que atopa escrito no libro máis vello da biblioteca que no próximo eclipse de lúa un Trasno de Lume virá queimar Gondomar. A partir de aí entre petróglifos, muíños, ríos, pontes e pazos… buscará incansable, nas súas dez parroquias, axuda para loitar contra este terrible meigallo a través de experimentos científicos.

Un marabilloso percorrido por Gondomar convertido en conto con moito traballo de campo, ruta QR e actividades científicas que o próximo mércores 14 de xuño vai lucir se cabe máis co traballo de musicalización realizado polo alumnado e profesorado do conservatorio. O acto é público e convídase a todas e todos os rapaces a asistir e coñecer máis ao miúdo o traballo destes grandes artistas.