Sin categoría

A Garda Civil investiga ao autor dos danos nas alfombras florais en Gondomar

A Garda Civil de Gondomar investiga a un mozo por un presunto delito de danos nas alfombras florais de Gondomar, así como outro de falsificación documental. O pasado domingo de madrugada, tras saltarse un sinal de prohibido o paso, outro de dirección obrigatoria e varios valos metálicos que protexían as alfombras florais do Corpus na Rúa Eduardo Iglesias de Gondomar, o investigado realizou graves danos co vehículo da súa propiedade nas tres alfombras de flores preparadas, de 25 metros de longo cada unha e 3,5 metros de ancho.

Durante a mañá do domingo recibíronse denuncias por parte dos representantes das asociacións de veciños propietarios das alfombras florais danadas, valorando os danos en máis de 10.000 euros. Coa colaboración da Policía Local de Gondomar e a de Vigo, identifícase e localiza ao presunto autor dos feitos.

Tense coñecemento ademais, que o investigado, un veciño de Vigo, de 20 anos, ten unha alta gradación en miopía, polo que ten que usar lentes para conducir, e, cando no ano 2021 realizou o recoñecemento psicotécnico para obter o permiso de conducir, usou lentes de contacto, falsificando a declaración xurada para evitar que lle figure dita restrición no seu permiso de conducir. Por iso investígaselle tamén por un delito de falsificación documental, e comunícalle á DXT, propoñendo ao mozo para un recoñecemento extraordinario psicotécnico.

Tamén se denuncia por infracción de tráfico, ao circular por dirección prohibida de forma temeraria, que conleva a perda de 6 puntos, ademais da sanción correspondente. As dilixencias serán remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Vigo.