O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubs do municipio, ofrece un ano máis desde finais de xuño a inicios de setembro nove modalidades de campus deportivos orientados a nenos e adolescentes: tenis, baloncesto, patinaxe, rítmica, surf, vela lixeira, kaiak e pádel surf e fútbol. O prazo de inscrición aos mesmos está aberto, dispondo os interesados de toda a información na web municipal (datas, mails de contacto e teléfonos, lugar de celebración, prezo, idades, etc).
Todos teñen unha duración de cinco días e un custe de entre 60 e 70 €. Os campus están orientados a un público infantil e adolescente e arrancan con vela lixeira o día 26 de xuño, sendo o último o de rítmica do 4 ao 8 de setembro. O Concello aportará a merenda diaria para cada participante e a cobertura do seguro e darase prioridade aos nenos e nenas empadroados.
“Trátase, xunto co campamento municipal, dunha iniciativa para facilitar a conciliación familiar mediante actividades saudables ao aire libre e de promover o deporte desde a infancia dando cabida a disciplinas para todos os gustos e confiando nas entidades deportivas de Nigrán, que son as que teñen a verdadeira experiencia”, indica o alcalde, Juan González.


