Galiexpo Motorshow, oferta de lecer para toda a familia

A XVI edición de GaliExpo MortorShow Recalvi Concello de Vigo converteuse nun evento ideal para pasar unha entretida xornada familiar. A oferta que presenta o salón non só vai dirixida aos afeccionados aos coches de competición; nesta festa do motor hai actividades para todos os públicos e áreas de descanso con food trucks, no pavillón 2, onde comer ou tomarse un pequeno tentempé. Este domingo, ás 13.30 horas o grupo baionés Los del Barro ofrecerá alí un concerto onde fará unha versión de temas “canallas” dos anos 80 e 90.

Nesa mesma zona está situado o Top Performance, unha selección de 20 dos vehículos mellor tuneados de España e Portugal así como a mostra dalgunhas das xoias automobilísticas desta edición de GaliExpo MotorShow como son o DMC DeLorean, AC Cobra ou o Lamborghini Miura.

Para vivir a sensación de pilotar un vehículo de competición hai que dirixirse ás casetas de Racing París Dakar e Recalvi, que teñen varios simuladores de condución de acceso gratuíto. E para os máis pequenos da casa, GaliExpo ofrece a posibilidade de dar unhas voltas nos kars situados no pavillón 1 ou de pilotar pequenos coches de radiocontrol.

Nesa mesma nave, o que máis está a chamar a atención do público, á marxe da espectacular mostra dedicada á Fórmula 1 e os coches de rallies do Team Recalvi, é a caseta de Estación Racing. Alí, os seus técnicos están a montar varios motores en directo; entre eles o dun Chevrolet Camaro 5.7 ou o dun Escaravello Volkswagen. Xusto á beira, os asistentes a GaliExpo MotorShow poden ver como se vinila un vehículo; un minucioso e curioso traballo que realizan os membros de Elipse Gráfica.

En GaliExpo MotorShow, os afeccionados ao mundo dos rallyes teñen ademais a posibilidade de fotografarse con pilotos punteiros a nivel nacional. Este sábado estivo a asinar autógrafos o campión do Supercampionato de España de Rallyes de 2021 Jose Antonio “Cohete” Suárez e este domingo fará o propio o seu compañeiro do Recalvi Team, Jorge Cagiao. Ademais, tamén se pasaron pola feira, Jorge Pérez Oliveira e José Figueiras.

E no pavillón 3, acrobacias e derrapaxes espectaculares

A asistencia de público a esta festa do motor vai in crescendo desde que se abriron as portas e, como en edicións anteriores, está a vivir o seu momento álxido nas celebracións dos shows de motor no pavillón 3 do Ifevi. As arriscadas acrobacias do piloto austríaco de Freestyle Thomas Wirnsberger e a Exhibición Internacional de Drift Indoor, a cargo de Alex de la Rosa, Karly, Filipe Vieira, Martín Nos e Jose Magalhaes, están a facer vibrar aos miles de afeccionados que se citan nas bancadas. Espectáculos que volverán celebrarse este domingo en dous novos pases, ás 17 e 19.30 horas.

A entrada para poder gozar de todo o que oferta GaliExpo MotorShow custa 13 euros; 8 euros se só quérese acceder á zona de exposición. Os nenos menores de 6 anos entran gratis. A feira está aberta desde as 10 da mañá ata as 21 horas.