
82 regatistas navegando en parellas a bordo de 41 veleiros disputaranse este sábado nas Rías Baixas o Trofeo MRW do Monte Real Club de Yates, do que sairán os novos Campións Galegos de A Dous. A competición terá dous apartados diferentes, un para ORC, no que o comité de regata compensará os tempos de navegación dos diferentes barcos para sacar a clasificación final; e outro para os J80, que competirán en tempo real, como é habitual nestes monotipos.
Se se cumpren as previsións, a única proba en liza (algo máis de 30 millas de ida e volta entre Baiona e o faro Camouco, en Ons), dará comezo ás once da mañá e non finalizará ata a tarde, con máis ou menos rapidez dependendo das condicións meteorolóxicas. A día de hoxe, todo apunta a que o vento soprará do sur sempre por encima dos 12 nós, coa suficiente intensidade como para que as tripulacións poidan navegar a ritmo lixeiro. Haberá moitas nubes pero non se esperan grandes chuvascos.
Todos aqueles que queiran seguir a competición en directo, coñecendo en cada momento a localización e velocidade de cada un dos veleiros, poderán seguila a través da web do Monte Real Club de Yates (www.mrcyb.es) grazas a un sistema de seguimento que levarán a bordo as tripulacións.
Aínda que a maioría dos equipos inscritos son masculinos, hai tamén algún mixto, como os formados por Mariano Benavente e María Isabel Cilleiro, do Liceo Marítimo de Bouzas; Carolina Martínez e Miguel Ángel Fernández, a bordo da María; José Luis Ríos e María Jesús Montes, do Real Club Náutico de Vigo; ou Roberto Telle e Genoveva Pereiro, do Monte Real. O que non hai este ano son tripulacións exclusivamente femininas que opten ao título autonómico.
O Trofeo MRW, que é tamén IX Memorial Rafael Olmedo, dará comezo ás once da mañá na baía de Baiona e finalizará ben entrada a tarde, coa chegada dos veleiros ao Monte Real e a entrega de premios aos gañadores, prevista para as oito da tarde.