
O colectivo eco-artístico Riquiñas en Acción (RAKA) colocou unha escultura de “caca flotante” na desembocadura do río Miñor, entre Baiona, Gondomar e Nigrán para denunciar a contaminación na marisma, que “se está convertendo nunha cloaca”.
Segundo denunciaron, hai anos que as mariscadoras “non aparecen” pola zona, que chegou a ser famosa pola cría de berberechos e coquinas. “Os niveis de contaminación obrigaron ás autoridades a prohibición a extracción de moluscos para consumo humano”, lembraron, e engadiron que, actualmente, só pódese extraer en determinadas áreas para cebo.
Por iso, coincidindo co 50º aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente este luns instalaron unha caca de grandes dimensións nas inmediacións da ponte da Ramallosa, punto de encontro de tres municipios do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar) para denunciar o estado da marisma.
RAKA sinalou que un dos focos de contaminación que afecta o estuario xa foi recoñecido pola UE e sitúase na estación depuradora de Gondomar, cuxa capacidade non pode tratar todo o caudal de augas fecais e pluviais que recibe, o que provoca desbordamentos que acaban no estuario e no mar.
No caso de Baiona, “sobre todo no verán, chama a atención” un regacho que verte á marisma fronte a un supermercado de Sabarís “e o cheiro insoportable a augas fecais na zona de Santa Marta”. Mentres, en Nigrán tamén hai pequenos regachos que verten desde o paseo da Ramallosa e a zona da ponte, unha situación que “empeora no verán cando a poboación do Val Miñor chega a triplicarse”.
A escultura para denunciar estes feitos está fabricada “nun 99% con materiais biodegradables” e foi deseñada “por diferentes artistas que buscan a reflexión e a complicidade da cidadanía a través destas accións”.
“Esta obra é unha chamada de atención aos nosos gobernantes, unha forma de facerlles ver as nosas preocupacións a través da arte. É necesario que tomen partido e busquen unha solución conxunta e responsable”, advertiu RAKA, que subliñou que aínda se está “a tempo” de recuperar o estuario, pero “hai que facelo xa”.