
O Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, abre o prazo de inscrición para os seus 20 campus deportivos de verán. Dende a Concellería ofrecéselle á veciñanza a oportunidade de gozar dun verán de diversión, deporte e educación a través de 20 Campus Deportivos nos que se inclúen novas disciplinas tales como o tenis de mesa, rugby, deportes urbanos e fútbol americano. Entre as novidades deste ano, tamén figura unha nova forma de inscrición para a veciñanza: a inscrición online a través de campusdebaiona.es.
Caixabank segue apostando polo deporte municipal en Baiona achegando o pago das inscricións aos participantes con dificultades económicas, tras un informe previo dos Servizos Sociais do Concello de Baiona. En xullo desenvolveranse os campus de Tenis, Rugby, Loita olímpica, Deportes Náuticos 1, Tenis de mesa, Danza, Fútbol Sala, Deportes Urbanos, Fútbol e Volei Praia, e en agosto Atletismo, Multideporte, Ximnasia Rítmica, Baloncesto, Fútbol Americano, Ciclismo, Pádel, Patinaxe, Deportes Náuticos 2 e Bádminton.
Os campus desenvolveranse nas instalacións deportivas do Concello de Baiona en horario de 10:00 a 14:00 horas (Deportes Náuticos tamén ten quenda de tarde). A recepción dos participantes será dende as 9:00 horas para facilitar a conciliación. Cada inscrición é por unha única persoa e se cumprimentarán todos os datos requiridos. Pódese facer pago con tarxeta ou ben mediante ingreso bancario, achegándose o xustificante. En caso de anulación da inscrición, deberá realizarse cunha antelación mínima de 15 días e o importe a devolver será do 50%.
Máis información no Pavillón Municipal de Deportes, a través do correo deportes@baiona.gal ou no teléfono 986356558.