O PSOE de Nigrán revalidou este domingo a súa folgada maioría absoluta permitindo que por vez primeira na Historia democrática do municipio un mesmo alcalde afronte o seu terceiro mandato. “Obtivemos outra vitoria esmagadora que reforza a nosa xestión e os nosos proxectos de futuro”, valora o rexedor en funcións, Juan González, quen fai fincapé no “colosal” resultado dos socialistas en Nigrán tendo en conta, ademais, o contexto xeral. “Gañamos con amplísima diferencia en absolutamente todas as mesas de todas as parroquias, nalgunhas mesmo duplicando á oposición, o que nos dá moita confianza para seguir gobernando como ata agora: pensando sempre no benestar das persoas e cumprindo cos grandes retos de futuro que anunciamos”, resume.
O resultado significa que o PSOE de Nigrán continúe por segundo mandato consecutivo gozando de maioría absolutísma con 11 concelleiros gobernando e 6 na oposición (5 do PP e 1 do BNG). As únicas caras novas serán as de Sara Penedo Vázquez (veciña de Panxón de 27 anos e licenciada en Ciencias do Deporte, polo que levará esta área); Estela Pérez Pérez (veciña de Chandebrito licenciada en Maxisterio e quen xa fora concelleira nos anos 2007-2010 e que levará Educación); e Roberto Garrido Pereira (veciño de Nigrán de 34 anos licenciado en Historia). “Manteremos case todas as áreas igual pero incorporaremos novas tamén, nos vindeiros días iremos pechando todo”, avanza. Precisamente, a suma de Sara Penedo deixará unha imaxe especialmente emotiva na investidura do 17 de xuño, xa que presidirá a mesa xunto ao seu avó e compañeiro de partido Alfonso Vázquez (a persoa máis nova e de máis idade da corporación, respectivamente).
“Están a piques de florecer auténticos fitos transformadores de Nigrán froito de anos de xestión e compromiso firme deste goberno: a aprobación provisional do PXOM; o parque forestal Os Matos-Río Táboas, os bosques-escola de Camos e Vilariño, a repatriación do mosaico romano de Panxón, a escavación completa do castro de Chandebrito, o muíño de Porto do Molle totalmente rehabilitado e en uso, o ambulatorio de Panxón como local social para maiores e mocidade, as sendas peonís de Parada e Camos, Otero Pedrayo e Mestra Emérita humanizadas… Accións que levan moito más tempo de xestión do que quixéramos pero que nos permiten tamén en recuperar os dous edís que perdemos”, conclúe González.
CONCELLEIROS SOCIALISTAS
- Juan A. González Pérez. Alcalde de Nigrán en funcións. Historiador. San Pedro.
- Rubén Rial Sánchez. Teniente de Alcalde. Concelleiro de Vías e Obras, Limpeza, Servizos Urbáns e Seguridade en funcións. Bombeiro do GES. Nigrán.
- Diego García Moreira. Concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Medio Ambiente, Réxime Interior e Persoal en funcións. Avogado-Economista. Camos.
- Sara Penedo Vázquez. Licenciada en Ciencias do Deporte. Panxón.
- Estela Pérez Pérez. Licenciada en Maxisterio. Chandebrito.
- Bibiana Peixoto Iglesias. Concelleira de Servizos Sociais en funcións. Mestra. San Pedro.
- Roberto Garrido Pereira. Licenciado en Historia. Nigrán.
- Cristina Dosil Valverde. Concelleira de Turismo, Xuventude e Participación Cidadá en funcións. Operaria de automoción. Parada.
- Patricia Diego Travieso. Concelleira de Igualdade, Voluntariado e Comercio en funcións. Perruqueira. San Pedro.
- Alfonso Vázquez Pérez. Concelleiro de Sanidade, Abastos, Mercados, Turismo Social e Festexos Populares en funcións. Xubilado. Parada.
- María Esperanza Mayán Areal. Concelleira de Terceira Idade. Auxiliar de Enfermaría en funcións. Camos.

