A escritora e poeta nigranesa Soledad García gaña o XXVIII Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López. O seu poemario “As palabras son cinzas por soprar” acada o primeiro premio no Concello de Paradela entre 379 obras presentadas. A escritora que revolucionou o Val de Miñor escribindo seis libros no último ano e medio para protexer a riqueza ambiental da comarca e visibilizar todo o seu patrimonio acada un novo galardón en Lugo. Nesta ocasión pola súa faceta como poeta.
Dos últimos premios literarios destacan “Aposiopese”, un poemario na honra do seu pai, “Vivaldi de Haikus”, poemas xaponeses de 17 moras, “Nunha vila caben todos os ventos”, relato homenaxe a Baiona, e “Haberán de construír un cemiterio nas illas, algún día!”, relato de aventura de Darwin nas Illas Cíes. A escritora Soledad García busca que os seus libros sirvan de exemplo ás futuras xeracións da importancia que temos de contar con este marabilloso patrimonio e a nosa obriga de axudar á súa protección.
Este novo galardón recae na obra “As palabras son cinzas por soprar”, unha exploración profunda da dualidade humana e a interacción coa natureza, utilizando unha linguaxe evocadora e misteriosa para reflexionar sobre a identidade e a busca de significado nun mundo en constante cambio. Soledad García forma parte do grupo de Promoción Urbana do Galego no Instituto de Estudos Miñoráns e é a escritora do grupo de fusión de arte Solaina Val Miñor.

