Vigo homenaxea aos mellores

O 56º Rallye Recalvi Rías Baixas concluíu no centro Vigo cunha cerimonia de entrega de trofeos que, como a de saída, reuniu a de afeccionados ás catro rodas. Os equipos empezaron a chegar ao parque pechado da Rúa Policarpo Sanz ás sete do tarde pero desde moito antes había público esperando aos vehículos de competición.

Jose Antonio “Cohete” Suárez foi o primeiro en entrar e o máis aclamado. Tamén o máis contento pola vitoria cultivada en casa de Recalvi, o seu principal patrocinador, e dunha Escuadra amiga. “Foi un bo rallye. Estamos contentos co noso traballo e porque é tamén un bo resultado para Recalvi. Agora toca pensar no Rallye de Ourense”, manifestou. Na cerimonia de entrega de trofeos, Jose Antonio Suárez e Alberto Iglesias Pin, quixeron compartir o éxito con todo o seu equipo, aos que subiron ao podio.

Moi satisfeito coa súa actuación no 56º Rallye Recalvi Rías Baixas estaba tamén Alberto Meira que se subiu ao segundo caixón do podio. “Facía catro anos que non corría aquí. Xa o botaba de menos. Os tramos, salvo algún que nunca correramos, eran coñecidos para nós así que conseguimos ir a ritmo. O coche de Cohete é máis moderno e ten o ritmo do Supercampionato de España pero hoxe demostramos que aos poucos, e se tivésemos orzamento para facer ese certame, estariamos a loitar con eles nun par de carreiras”, mostrábase convencido un Alberto Meira que tamén tivo palabras de eloxio para a organización e o público.

Jorge Cagiao e Javier Martínez valoraron tamén de forma moi positiva a súa terceira posición final e mostráronse moi satisfeitos coa resposta do seu Alpine A110. “O resultado é estupendo. O rallye en si, moi ben. Nós queriamos correr en seco. Non foi nada fácil, pero tivemos sorte co tempo e liquidámolo ben. Puidemos loitar con Meira o venres pero na segunda etapa xa foi complicado”, aseguraba. Cagiao recoñeceu ademais, que neste rallye comezou a gozar da condución do seu Alpine e desfíxose en afagos cara ao Rallye, “é unha carreira na que sempre hai moita xente, cunha organización de 10 que merece ascender o ano que vén ao Supercampionato”, sentenciou.

O cuarto posto da xeral non lle soubo tan ben a Álvaro Muñiz. O piloto coruñés foise desgustado consigo mesmo por non poder acabar un pouco máis arriba. “Este era un rallye onde competían vehículos moi rápidos e teriamos que aproveitar a oportunidade para gañar en velocidade pero por H ou por B, non puido ser”.

A cerimonia de entrega de trofeos contou coa presenza de varios alcaldes dos distintos concellos por onde pasou o rallye, encabezados polo vigués Abel Caballero. E entre outras personalidades, tamén estiveron o vicepresidente da Real Federación Española de Automobilismo, Vicente Medina e o presidente da Federación Galega Antonio Troitiño.