
O Skoda Fabia RS Rally2 de Jose Antonio Suárez/Alberto Pin foi o máis rápido nos tres tramos disputados na matinal deste sábado (Vigo-Nigrán, Gondomar-Porriño e Salceda), así que o equipo do Recalvi Team afrontará os catro últimos tramos da tarde do 56º Rallye Rías Baixas cunha vantaxe de 48 segundos sobre o segundo clasificado. Nese posto mantense un combativo Alberto Meira, que se anotou o segundo mellor tempo nesas tres especiais. O Alpine A110 de Jorge Cagiao/Javier Martínez segue aferrado á terceira posición da xeral provisional aínda que a máis dun minuto do líder e a 16 segundos do piloto de Vincios.
O duelo máis bonito da mañá foi o protagonizado por Álvaro Muñiz e Óscar Palacio. O piloto do Skoda Fabia R5 comezou a segunda etapa na cuarta posición da xeral con once segundos de vantaxe sobre o asturiano pero nos dous primeiros tramos, Óscar Palacio foi máis rápido e logrou arrebatarlle o cuarto posto. Ao Tramo de Salceda chegaron separados por tan só dous segundos, pero o equipo do Recalvi Team Palacio/Pérez sufriu unha avaría mecánica nesa especial que lle obrigou a abandonar a proba, un incidente do que saíu beneficiado o de Yacar Racing que volveu recuperar a cuarta posición.
Quinto da xeral, a corenta segundos de Muñiz e a máis de dous minutos do líder, situouse o piloto de Salceda Jorge Pérez Oliveira. Sexto é Unai de la Dehesa; Alejandro Martín ocupa a sétima praza e pechando o Top Ten, Juan Carlos Fernández, Carlos Rodríguez e Juan Manuel Mañá. O piloto da Escuadra Lalín-Deza, Adrián Pérez que concluíu a etapa do venres nunha meritoria sexta posición tras mostrarse moi combativo co seu Hyundai i20 R5, sufriu unha saída de estrada no tramo Vigo-Nigrán que lle fixo perder moito tempo e acabou a mañá no décimo oitavo lugar.
No Trofeo Galicia Historic, Fernando Rico logrou defender o seu liderado pero a distancia cos seus perseguidores é mínima. Ten a Fermín Sousa a 600 centésimas e ao vigués Pablo Pazó a 8 segundos. Ese tempo é o que separa a Pazó de Sousa na loita polo Criterium Recalvi. Na Clio Trophy Spain Alejandro Martín logrou ampliar a súa vantaxe, ata os 17 segundos con respecto a Juan Carlos Fernández, que se mantén segundo. No Desafío Kumho Asfalto marcha líder José Fermín Morais mentres que na Dacia Sandero, Hugo Rodríguez arrebatoulle o primeiro posto provisional a Tomás Llinares. No II Rallye Solo Renault Group, onde puntúan todos os equipos da marca do rombo que compiten no “Rías”, marcha líder Jorge Cagiao.
A competición renovarase ás 15.20 horas coa segunda pasada ao TC8 Vigo-Nigrán. Posteriormente (16.13h) os pilotos afrontarán o TC 9 Gondomar-Porriño; ás 17.07 horas comezará o TC10 Salceda e ás 18.20 horas os equipos volverán á cidade olívica para disputar o TC11 Vigo, unha nova especial de 4.42 quilómetros que se disputará sobre o mesmo percorrido do Shakedown, nas inmediacións do Monte Alba. O tramo Vigo prolclamará ao gañador do 56º Rallye Recalvi Rías Baixas, e no centro da cidade renderase unha merecida homenaxe aos mellores equipos na cerimonia de entrega de trofeos prevista para as 20 horas.