“Cohete” Suárez logra o mellor tempo no TCC

O equipo do Recalvi Team Jose Antonio “Cohete” Suárez/Alberto Iglesias Pin será o primeiro en tomar a saída no 56º Rallye Recalvi Rías Baixas. O seu Skoda Fabia RS Rally2 foi o máis rápido no tramo cronometrado de clasificación disputado na mañá deste venres nas inmediacións do Monte Alba e na posterior elección da orde de saída non houbo sorpresas na súa decisión. “O obxectivo neste rallye é a vitoria. Corremos en casa de Recalvi e dunha Escuadra amiga así que iremos ao máximo en cada tramo”, manifestou o piloto asturiano.

Cohete cubriu os 4,42 quilómetros en 2 minutos, 45 segundos. Foi dez segundos máis rápido que Alberto Meira. O piloto de Vincios sufriu unha saída na meta do tramo test minutos antes de comezar o TCC e danou parte da defensa e a lúa dianteira do Skoda Fabia R5 pero puido disputar esa especial de clasificación. Nela anotouse o segundo mellor tempo, posición que tamén elixiu para a orde de saída no rallye. “Esta mañá saín quente e pagueino con esa saída. Veume ben para serenarme e pensar na tarde; catro tramos onde será decisivo a monta de pneumáticos”, asegurou Alberto Meira.

O terceiro mellor crono no tramo de clasificación anotoullo a dupla Jorge Cagiao/Javier Martínez e tamén elixiu ese posto na orde de saída. Cagiao espera poder loitar polo triunfo no rallye, aínda que é consciente de que dependerá das condicións climatolóxicas. “Corremos cun vehículo de tracción traseira, ao que non lle vai ben a choiva. O noso obxectivo é seguir sumando quilómetros co Alpine A110. En Lalín puidemos estar preto dos primeiros postos e aquí tamén o tentaremos aínda que indo con calma para non chocar. Será a sorte de Deus”, confesaba Cagiao.

O equipo Adrián Costas/Juan Barral, co seu Hyundai i20R5 foi cuarto no TCC e afrontará tamén o rallye nesa mesma posición. “Esta especial de clasificación coñecíaa ben porque pasa preto da miña casa pero non contaba coa choiva e non puxemos os reglaxes axeitados. É a primeira vez que corro cun R5 así que afronto o rallye coa idea de seguir facendo quilómetros co coche, recoñecía.

En quinta posición sairá o Ford Festa R5 MkII, de Óscar Palacio/Adrián Pérez, equipo que afronta o “Rías” con ganas de resarcirse das súas últimas participacións. “Nunca puidemos facer un bo rallye aquí pero veño convencido de que este vai ser o ano bo. O que está claro é que será decisiva a elección de pneumáticos”, asegurou Palacio.

Da mesma opinión é Jorge Pérez Oliveira. “A etapa de hoxe estará marcada pola monta de pneumáticos. Se a climatoloxía é cambiante, seguro que estaremos todos moi nerviosos e atentos ao que montan os rivais”, recoñeceu. O equipo Jorge Pérez/Miriam Vera aos mandos dun Suzuki Swift Sport R+ N5 sairán en sexta posición.

Unai de la Dehesa/Alain Peña co Renault Clio Rally4 farao en sétimo lugar. Oitavo será Javier Galán/Marta Galán e en novena posición sairá Álvaro Muñiz. O do Skoda Fabia R5, gañador no Rallye do Cocido, viuse relegado a ese último posto por problemas no depósito do combustible do seu vehículo. “Cambiamos esta semana o depósito, porque o anterior tiñámolo caducado. Enchémolo para poder afrontar o shakedown e a clasificación pero quedamos sen gasolina. Imos ver se o podemos arranxar e da mesma forma, nos tramos de hoxe, se podemos minimizar o feito de saír detrás de equipos a priori máis lentos que nós”, lamentábase.

O equipo Álex Español/José Murado, décimo da lista de inscritos, non correrá finalmente o rallye así que nese posto sairá Fernando Rico.

Pola tarde arranca a primeira etapa

A saída oficial á primeira etapa darase pasadas as seis da tarde no tramo Barciademera-Fornelos (13,42 km). Posteriormente os vehículos afrontarán os 7,82 quilómetros do tramo Concello de Ponte Caldelas e tras unha parada de reagrupamento (ás 19.15 h.) de media hora no centro esa localidade, arrancará o segundo bucle do día.

Tras acometer esta primeira etapa, os vehículos pernoitarán no parque pechado da Rúa Policarpo Sanz de Vigo.