Concello, Zona Franca e Empresarios acordan a posta en marcha da fase II do polígono de A Pasaxe

Esta mañá, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse co Delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, xunto co presidente da Asociación de Empresarios de A Pasaxe, Javier Díaz, e outros representantes desta asociación empresarial, no que tanto o rexedor como o Delegado do Estado, informaron aos empresarios das actuacións que se levarán a cabo unha vez que se asine o convenio entre as dúas administracións, que xa está redactado e pendente unicamente de aprobación.

Así, a Zona Franca ten previsto un investimento de 30 millóns de euros que permitirá a implantación dunhas 200 novas empresas e a xeración duns 3.500 novos postos de traballo. Ademais esta segunda fase permitirá a instalación no polígono dun área que incluiría entre outras un área dotacional con infraestruturas deportivas e sociais así como unha estación de tratamento de augas (ETAP) así como outra de depuración (EDAR). As obras da Fase I de urbanización deste polígono atópanse actualmente xa iniciadas e teñen un período de execución de 15 meses, tras a legalización levada a cabo polo Concello de Gondomar e que puxo fin a medio século de “alegalidade” na que se atopaba.

O alcalde Paco Ferreira quixo poñer en valor que “este goberno local foi o único capaz de legalizar este polígono, tras anos e anos de promesas incumpridas por parte de gobernos anteriores e tanto a urbanización da fase 1 xa iniciada como o desenvolvemento da segunda fase, permitirá a xeración de miles de postos de traballo e converterá a este polígono nun motor económico do sur da provincia. Ferreira agradeceu a colaboración de Zona Franca e particularmente do seu delegado, David Regades, para que a ampliación poida ser unha realidade.

Pola súa banda David Regades agradeceu “a magnífica disposición tanto do Concello como da Asociación de Empresarios para que Zona Franca poida investir nun polígono que permitirá o desenvolvemento económico de toda a comarca e da provincia de Pontevedra”. Regades pediulle á Xunta de Galicia “que asuma as súas competencias en materia industrial e que poña a disposición do Concello os recursos económicos necesarios tal e como está a facer o Estado a través do noso Consorcio”.