Sin categoría

O Consello Escolar do CPI Cova Terreña rexeita a creación dun novo viario xunto ao centro

Reunido o Consello Escolar do CPI de Cova Terreña de Baiona, este martes con carácter extraordinario, quere trasladar que:

  • O Consello Escolar leva interesándose pola posible construción dun viario nas inmediacións do centro educativo dende o 1º trimestre do curso actual.
  • Solicitouse o 12 de decembro de 2022 información ao respecto a través da sede electrónica do Concello de Baiona sen recibir unha resposta por escrito ata o día de hoxe ao non existir unha motivación que a xerase.
  • Recibiuse información oral por parte do Sr. Alcalde e o concelleiro de Vías e Obras do Concello de Baiona en reunión do Consello Escolar mantida o 24 de abril de 2023 con detalles sobre a situación.
  • O Consello Escolar rexeita a creación de dito viario polos seguintes motivos:
    – Seguridade do alumnado: a creación dun viario nas portas do centro educativo supón un perigo diario para o noso alumnado nas súas entradas e saídas. Débese ter en conta que nun período de 20 minutos desprázanse á entrada e saída do centro educativo máis de 500 persoas, ademais das persoas acompañantes do alumnado que poden ser outras 300, facendo un fluxo total de persoas de arredor de 800 nun curto período e nun espazo reducido.
    – Incidencia na aprendizaxe do alumnado: as interferencias que provoca o tránsito rodado polo viario, a escasos metros do edificio, cara onde dan o 90% das aulas do centro educativo, xera distraccións, molestias, ruído, contaminación… que fan que o alumnado perda a concentración precisa para o ensino-aprendizaxe. Esta situación aínda se vería agravada durante a execución das obras polo tránsito de maquinaria pesada, ruídos da construción…

En definitiva, o alumnado sería privado dun ensino de calidade nunha contorna segura, tranquila e axeitada para o ensino.