
Os equipos inscritos na 56ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas estacionarán os seus vehículos no pre-parque de saída da rúa Policarpo Sanz a partir das sete da tarde deste xoves. O primeiro bandeirazo da cerimonia de saída darase unha hora e media despois, así que ata entón os afeccionados terán a oportunidade de ver de preto os espectaculares vehículos de competición e de fotografarse cos pilotos.
Será un acto máis atractivo e emotivo que o de pasadas edicións. O Rallye Rías Baixas está de dobre celebración. A Escuadra Rías Baixas cumpre 50 anos de historia e o rallye seis décadas desde que se puxo en marcha a súa primeira edición, así que Fernando Mouriño e o seu equipo quixeron contar nesta cerimonia con dous símbolos do automobilismo na nosa comunidade: Guillermo Barreras e o mítico Alpinche, creado en 1971 por Estanislao Reverter e recentemente restaurado pola súa familia. O ex piloto vigués cruzará o podio de forma simbólica e o icónico Alpinche estará alí exposto ata que comece a cerimonia.
O primeiro participante en subirse á tarima e abandonar ese pre-parque de saída será o Skoda Fabia RS Rallye2 de Jose Antonio “Cohete” Suárez. O campión do Supercampionato de España de Rallyes de Asfalto en 2021 e principal favorito a levar a vitoria nesta 56 edición do “Rías” correrá co dorsal número un. Tras el cruzará o podio Jorge Cagiado, co seu Alpine A110, que levará o dorsal número 2 e así sucesivamente ata completar os 104 vehículos inscritos.
Nova xornada de recoñecementos e verificacións técnicas
Durante a matinal deste xoves, os equipos que así o solicitaron, terán a oportunidade de recoñecer os tramos por onde se disputará o rallye. Farano en coches de rúa, cos GPS achegados pola organización e respectando os límites e normas de seguridade de cada zona. A partir do mediodía, no Aparcadoiro 4 situado na Avenida de Samil todos terán que pasar as correspondentes verificacións técnicas.
E o venres, arranca a competición
A xornada do venres será intensa para os equipos participantes. Pola mañá, nas inmediacións do Monte Alba, celebrarase o Shakedowm e o tramo cronometrado de clasificación. Pasadas as 18 horas os equipos afrontarán a primeira pasada á especial Barciademera-Fornelos, posteriormente percorrerán o Tramo Concello de Ponte Caldelas e tras un reagrupamento de media hora no centro desa localidade, acometerán a segunda pasada a estas dúas primeiras especiais do 56º Rallye Recalvi Rías Baixas. Finalizada a xornada, os vehículos pernoitarán no parque pechado da Rúa Policarpo Sanz de Vigo.