Sin categoría

Juan González proxecta unha remodelación de toda a contorna da Alameda da Ramallosa

Unha nova Alameda da Ramallosa que mellore a calidade de ocio da veciñanza e acorde ao gran núcleo neurálxico que representa. Este é un dos grandes proxectos que defende Juan González, alcalde de Nigrán e candidato socialista ás eleccións do 28 de maio, para o próximo goberno. O Concello dispón xa do proxecto, pendente de informes sectoriais para, a continuación, realizar a contratación pública.

“Esta zona foi degradándose paulatinamente e precisa dunha reforma que lle outorgue homoxeneidade e que mellore todo: desde o carril-bici, a área de xogo ou as zonas axardinadas e de paseo”, recoñece González, quen incide no obxectivo de “revitalizar” todo o núcleo da Ramallosa, como xa se fixo recentemente co mural de Lula Goce e hai dous anos co párking público e gratuíto, ambos ao carón da piscina mancomunada.

A remodelación deste espazo de 10.888 m² ao carón do esteiro do Miñor expón fundamentalmente un redeseño do carril bici que o atravesa e dos itinerarios peonís, actualmente inseguros en tramos como o do Centro da Terceira Idade, onde se produce un corte e unha confluencia conflitiva. Por iso, o tránsito de bicicletas se trasladará integramente ao paseo litoral para facelo seguro e atractivo, permitindo ademais que o parque medre eses metros gañados ao carril.

A mellora de toda a Alameda comprende a rehabilitación de toda a súa superficie, moi danada na zona da Capela de San Campio (onde é pedra) e a reposición de céspede e mellora das zonas axardinadas, incluíndo novo arboledo en consonancia co existente e plantas de medio porte que funcionen como elementos de protección. Adicionalmente, dótase de perímetros de caucho aos elementos de xogo infantil para outorgarlles máis seguridade, cámbiase o mobiliario urbano e instálanse aparcabicis na contorna.

Para finalizar, o gran elemento diferenciador e que marcará esta remodelación será a instalación dun xogo infantil de grandes dimensións como unha marca de singularidade de toda a comarca.