Sin categoría

Antonio Araújo aposta por unha comarca unida e con futuro a través da Mancomunidade do Val Miñor

Manifesto Miñor lamenta que nesta campaña electoral que xa entrou na recta final, até agora ningún partido ou candidato dixo nada sobre a Mancomunidade do Val de Miñor cando debería ser unha clave no progreso da nosa comarca. “Estamos falando de algo tan sinxelo como a posibilidade de facer economía de escala co conseguinte aforro para as arcas municipais dos tres concellos, e sobre todo para poñer en común e facer valer perante as diferentes Administracións a importancia poboacional e económica que xeran os máis de 50 mil habitantes que aquí vivimos. O Val de Miñor é una comarca natural como hai poucas en Galicia onde o sentimento de pertenza á mesma é unha realidade. As relacións seculares entre os seus habitantes crearon vínculos de todo tipo, e tamén necesidades que nunca foron atendidas convenientemente no seu conxunto polos gobernos municipais, mentres en moitos casos a sociedade civil é a que vai por diante das institucións miñoráns”.

Estas son algunhas das propostas que Manifesto Miñor defenderá na Mancomunidade tan pronto se constitúa:

  1. Traballar para conseguir que a autoestrada sexa unha vía de comunicación interna aos servizos da comarca e totalmente gratuíta.
  2. Completar unha rede de paseos e sendeiros peonís e para bicis que comuniquen os tres concellos da comarca, respectuosos co medio ambiente, didácticos e ben sinalizados. Comezando polo paseo fluvial entre Gondomar e A Ramallosa.
  3. Facer efectiva e promover a existencia de servizos mancomunados: o conservatorio de música, un parque de maquinaria, un complexo de ocio ligado á piscina da Ramallosa, a recollida dos RSU, a policía local, etc.
  4. O GES merece un capítulo aparte dado que se trata dun servizo básico que ten máis que demostrado a súa eficacia. O GES debe de dotarse do número suficiente de efectivos para prestar un servizo correcto nunha comarca con máis de 50 mil habitantes que duplica no verán, dous polígonos industriais, un tránsito de vehículos permanentemente denso, etc. O Goberno da Mancomunidade debe nomear un responsable político específico para o GES así como xerarquizar correctamente o mesmo.
  5. Promover un sistema de transporte colectivo que conecte a comarca entre si, as parroquias unhas con outras e sobre todo con Vigo, a Universidade e o Hospital Álvaro Cunqueiro.