Sin categoría

A Vigo Copa España pasará por Baiona, Gondomar e Nigrán

180 quilómetros, seis portos de montaña e máis de 4.000 metros de desnivel acumulado. Por segundo ano consecutivo, a proba organizada polo Vigo-Rías Baixas poñerá este domingo o punto final á Copa de España co percorrido máis esixente de todo o certame estatal para corredores Elite-Sub23. A entidade presidida por José Luis Chamorro desvelou os detalles da súa carreira nun acto de presentación celebrado este xoves nas instalacións de Mapfre na cidade olívica.

Na súa terceira edición a Vigo Copa España repite a aposta pola montaña que estreou o ano pasado e ofrece un trazado tan selectivo como espectacular. O itinerario que se realizou no 2022 apenas sofre algunha lixeira modificación e os ciclistas volverán ascender media ducia de portos puntuables para o Gran Premio de Montaña Mapfre: o Alto da Groba (1ª categoría) km 26, Monte Alba (2ª) km 75, Galiñeiro (2ª) km 82, Monte Aloia (1ª) km 109, Fonte dos 100 Anos (2ª) km 160 e a subida ao Monte da Madroa (2ª), o “muro” final onde estará a liña de meta.

O pelotón, formado por 28 equipos, poñerase en marcha ás 09:45 horas na Praza do Rei e ao longo da xornada transitará por trece concellos do sur da provincia de Pontevedra. “Non hai un metro chairo”, resumiu Álvaro Pino, director técnico da proba. Na mesma liña Jesús Blanco Villar, director deportivo do Vigo-Rías Baixas, sinalou que esta carreira “é a máis dura de toda a Copa de España” e mostrouse optimista respecto ás opcións dos seus corredores: “Temos opcións para disputar a vitoria”.

Á marxe do aspecto competitivo, José Luis Chamorro destacou que “o retorno económico está garantido” para Vigo e a súa área, poñendo como exemplo a presenza de equipos en hoteis de diferentes municipios da zona. O presidente do Vigo-Rías Baixas agradeceu o apoio das institucións públicas, dos patrocinadores privados e das Forzas e corpos de seguridade, así como a presenza na presentación do bispo da Diocese de Tui-Vigo, Monseñor Don Luis Quinteiro Fiuza. Neste acto tamén participaron Abel Caballero, alcalde de Vigo; Manel Fernández, concelleiro de Deportes; Santos Héctor, deputado provincial da Deputación de Pontevedra; Bruno Tato, tenente da Garda Civil de Tráfico; Santiago Fernández del Río, comisario da Policía Nacional; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; e María Carrera, directora de Mapfre en Vigo.

Catapulta ao profesionalismo

Ademais de resolver a xeral da Copa de España, ao tratarse da súa décima e última xornada, a Vigo Copa España dispón doutro aliciente para os ciclistas. Os gañadores das súas dúas primeiras edicións deron o salto ao campo profesional. Marc Brustenga, vencedor en 2021 na chegada a Beiramar, cumpre a súa segunda tempada no equipo estadounidense Trek-Segafredo e Alejandro Franco fichou hai un ano polo Burgos BH días despois de triunfar na Madroa. Por tanto, este domingo haberá moito en xogo nunha cita que se poderá seguir en directo vía streaming a través da canle de YouTube de Emesports.