Os tres concellos do Val Miñor volveron pedalear xuntos este mércores para festexar a tradicional “Festa da Bicicleta”, coincidindo como é habitual coa celebración do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión a marcha, que cumpriu a súa 33ª edición, finalizou en Gondomar coa participación de máis de 1.000 persoas de todas as idades. O obxectivo, un ano máis, que sexa unha xornada festiva en toda a comarca para vivir con familia e amizades á vez que se promove o deporte e a socialización como hábitos saudables.
Os primeiros en comezar o roteiro foron os ciclistas que se deron cita na Praza Paradela de Gondomar, lugar desde o que iniciaron un percorrido de ida e volta, pasando por Ramallosa, para “recoller” aos veciños de Baiona no Paseo Ribeira. De volta a Gondomar, o pelotón de Nigrán, que saíu desde o Pavillón de Panxón, incorporouse na Ramallosa, para pedalear todos xuntos cara á Praza Paradela de Gondomar, onde se realizou o sorteo de agasallos e avituallamento.
Cada concello achegou unha bicicleta, 20 cascos, 17 botellas e 8 hinchadores para sortear entre os seus respectivos participantes. No acto estiveron presentes os alcaldes de Baiona, Gondomar e Nigrán, Carlos Gómez, Paco Ferreira e Juan González, e os concelleiros de Deportes da comarca, Andrea Pérez, José Luis Sanromán e Nuria Lameiro.

