O Concello de Nigrán honra ao seu único fillo adoptivo, Francisco Fernández del Riego, na véspera das Letras Galegas dedicadas ao escritor que elixiu veranear no municipio durante 30 anos. Así, acompañado de Carlos Méixome (fundador do IEM e promotor do nomeamento de fillo adoptivo), concelleiros e persoas particulares, o rexedor depositou pola mañá un ramo de flores ante a súa lápida no cemiterio de San Pedro da Ramallosa. Xa pola tarde, dous actores de Teatro do Ar, onda a súa placa en Praia América-Lourido, simularon ser algúns dos amigos cos que del Riego paseaba para así contar aos asistentes anécdotas da súa vida. O acto incluíu un concerto de Lucía Doval e contou, entre outros, co autor e biógrafo de Del Riego, Antón Mascato.
Adicionalmente, e durante todo o mes, a Biblioteca Municipal de Nigrán acolle a exposición “Francisco Fernández del Riego: unha idea de Galicia e da liberdade”, unha mostra elaborada xunto á Fundación Penzol e a Editorial Galaxia e que a través de 8 paneis plasma toda a súa biografía dun xeito ameno.
“Estamos moi orgullosos de que se lle dediquen as Letras Galegas ao noso veraneante ilustre e benefactor da Biblioteca, o mesmo que no 2017 foi a Carlos Casares, quen elixiu Nigrán para vivir. Somos un Concello moi afortunado no eido literario”, sinala o alcalde, Juan González. “Francisco Fernández del Riego foi un embaixador de Nigrán na república universal das Letras, con múltiples referencias a estas terras nas súas obras, un amante de Praia América que contribuíu ao bo nome do noso concello”, explicou o rexedor, quen no 2002 promoveu como membro fundador do IEM e como concelleiro de Cultura, a súa distinción como fillo adoptivo.

