Esquerda Unida presenta en Nigrán un programa centrado nas persoas

No acto celebrado este martes, ao que asistiron máis de 80 persoas, foi presentada a candidatura de Esquerda Unida de Nigrán así como as liñas xerais do seu programa electoral que se pode consultar na súa páxina web. O programa que escapa de xeneralidades detállase en medidas concretas e realizables para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Nigrán. O cabeza de lista da candidatura, José Cuevas, destacou no acto que a Nigrán non lle basta cun goberno próximo. “Tamén necesita un goberno coherente entre o que di e o que fai, que sexa eficaz na solución dos problemas da veciñanza de todas as parroquias, transparente e realmente participativo”.

José Cuevas destacou que Nigrán tamén necesita unha oposición que controle o goberno e, que sen crispación, sexa crítica coa xestión do goberno cando este o faga mal. “Unha oposición que sexa construtiva con propostas realistas e realizables, e que traballe con rigor”. Finalizou Cuevas que para iso hai que ter un profundo coñecemento da administración local que por iso é necesaria a presenza da candidatura de Esquerda Unida na corporación de Nigrán que saia elixida o próximo 28 de maio. Entre as principais medidas incluídas están un Plan de Mellora dos Servizos Sociais, a construción dun centro de día no antigo centro de saúde de Panxón, un proxecto máis ambicioso que o centro para maiores que anunciou o goberno de Nigrán e unha mellora da planificación na contratación que realiza o Concello.

Con relación ao PXOM de Nigrán, destacouse o escurantismo e a falta de transparencia na súa tramitación, tanto do goberno municipal, como de Augas de Galicia, ao negarse a facilitar os informes sobre o documento, tal como obriga a lei de transparencia. Anunciouse que cos membros de Esquerda Unida na corporación someteríase o PXOM a un novo período de exposición pública, nin se permitiría unha diminución da reserva de vivenda de protección. Con relación a este punto José Cuevas lembrou que o BNG e o PSOE tiraron abaixo unha moción presentada para que non se diminuíra dita reserva.

“Vendo os programas electorais que se lle presentan á veciñanza de Nigrán, nos que se repiten promesas incumpridas, fanse promesas de imposible realización por ser competencia de empresas privadas, ou directamente ilegais, a candidatura de Esquerda Unida, que coñece o Concello de Nigrán e somos conscientes da súa complexa xestión, soamente levamos propostas que sexan realizables, que se resumen no documento, 50 medidas para que Nigrán avance”, conclúen.