Sin categoría

Nigrán festexa a don Paco del Riego con teatro e música sobre o areal de Lourido

Todos os veráns e primaveras que Paco del Riego paseaba en Nigrán dedicaba parte dos seus días a pasear polo areal de Lourido. Son moitos os veciños que lembran ao escritor debatendo e compartindo conversas con amigos á beira do mar. Por iso, para festexar o legado do seu fillo predilecto, o Concello prepara xunto a Teatro do Ar unha serie de actividades ao longo da xornada do martes 16 de maio no areal de Lourido.

Ás 18:00 horas dous actores caracterizados como dous vellos veciños de Riego camiñarán ao redor da súa placa conmemorativa en Praia América. A idea é que estas dúas personaxes simulen que foron amigos de Riego e conten a todo o mundo que pasa por alí anécdotas da vida do escritor en Nigrán, unha maneira lúdica e divertida de poñer en valor o seu legado. O guión está baseado na información extraída das actas e discursos que se redactaron cando o Concello nomeou a Riego fillo predilecto de Nigrán.

Ás 20:00 horas, no mesmo lugar, os vellos abrirán un acto oficial no que intervirán o alcalde, Juan González, un dos promotores do recoñecemento a Riego por parte do Concello, Carlos Méixome, e o escritor Antón Mascato. Durante esta celebración haberá música en directo da man da artista de Nigrán, Lucía Doval.