A zona entre A Concheira e A Ribeira terá unha estética homoxénea para ser o gran pulmón de lecer de Baiona

Carlos Gómez Prado, candidato socialista á reelección á alcaldía nas municipais do 28 de maio, explicou este venres algún dos proxectos inmediatos do seu equipo para o centro urbano da vila. “Todas as actuacións que se realizan no espazo situado entre as praias urbanas da Concheira e A Ribeira forman parte dun plan de reordenación integral da zona”, asegura. “Este verán, os veciños e visitantes xa desfrutarán do novo Paseo Pinzón e o seguinte paso será a renovación do Parque da Palma, de feito xa está a redacción do proxecto encargada”, engade Gómez Prado.

En palabras do candidato á reelección, “a prioridade é converter A Palma nun parque máis cómodo, máis de paseo e máis accesible, o mesmo que o Paseo da Ribeira”, cumprindo en todas as actuacións o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS). “Quixemos redefinir toda esa zona, dividida ata agora en tres espazos illados. Comezamos polo Paseo Pinzón porque era o máis urxente, pero continuaremos co Parque da Palma e posteriormente o Paseo da Ribeira para convertelos nunha contorna unificada, esteticamente homoxéneo, conservando o carácter histórico e os usos deportivos e de ocio”, remata Carlos Gómez Prado.