A Biblioteca de Nigrán recupera o horario ampliado da sala de estudio

A Biblioteca Municipal de Nigrán retoma este luns 15 de maio o horario ampliado para a sala de estudo de cara aos exames universitarios, tal e como xa fixo en decembro e sendo a única do Miñor en ofrecer esta vantaxe. En concreto, será do 15 de maio ao 14 de xullo cando pase dun horario habitual de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas e sábados de 10:00 a 14:00 a un horario ampliado de luns a venres de 9:00 a 00:00 e sábados, domingos e festivos de 10:00 a 20:00 horas. Equipárase así a unha gran urbe como Vigo, coa de Peritos e Cuvi con esta mesma medida. Este tempo “extra” será exclusivamente para o emprego da sala de estudo, a biblioteca mantén ata xullo o horario de 9:00 a 21:00 de luns a venres e sábados de 10:00 a 14:00.

“Gañamos un edificio moderno, acorde ás necesidades do municipio, e no que os usuarios se atopan moi a gusto, por iso está tendo moitísimo éxito a sala de estudo”, explica o alcalde, Juan González sobre esta instalación gañadora do premio COAG de Arquitectura de Galicia 2021-2022 e o ibérico Technal e que pasou dos 120 m2 do Ceán aos 1.200 m2 da actual. Esta multiplicación do espazo permitiu distribuír folgadamente os 50.000 exemplares e incorporar conceptos que antes nin sequera podían ter cabida (zonas de lectura, aula de traballo conxunto ou dous puntos de consulta audiovisual).

A sala de estudo da antiga infraestrutura no Ceán contaba con 16 prazas, sendo precisamente unha das grandes demandas da veciñanza, por iso a actual Biblioteca foi deseñada cunha sala especial que multiplica a capacidade ata 68 postos e con iluminación independente en cada mesa, estando habitualmente ocupada ao 90%, tal e como destacan os propios técnicos. “É unha sala moi agradable, na que entra moitísima luz natural e que conta cunha dobre altura, invita a vir a propósito a estudar aquí”, subliña González.