Sin categoría

Nigrán abre cunha exposición sobre Del Riego os actos dedicados ao escritor que elixiu Lourido para descansar

Francisco Fernández del Riego, veraneante ilustre de Nigrán por elección propia durante 30 anos e que xace en San Pedro da Ramallosa, será o gran protagonista do mes de maio no Concello de Nigrán ao ser o autor a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas. Con este obxectivo, o Concello de Nigrán inaugurou na mañá deste xoves a exposición “Francisco Fernández del Riego: unha idea de Galicia e da liberdade”, unha mostra elaborada xunto á Fundación Penzol e a Editorial Galaxia e que estará na entrada da Biblioteca Municipal durante todo o mes e que, a través de 8 paneis, plasma toda a súa biografía dun xeito ameno. No acto interveu precisamente Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol; Carlos Méixome, fundador do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e promotor de Del Riego como o primeiro fillo adoptivo de Nigrán no 2002; e Juan González, alcalde de Nigrán e tamén fundador do IEM. Como sucedeu nas Letras Galegas do 2017 con Carlos Casares (veciño de Vilariño e enterrado en San Fiz) o Concello de Nigrán realizará unha serie de actos durante maio para recordar a figura do seu primeiro e único fillo predilecto.

“Francisco Fernández del Riego foi un embaixador de Nigrán na república universal das Letras, con múltiples referencias a estas terras nas súas obras, un amante de Praia América que contribuíu ao bo nome do noso concello”, explicou o alcalde, Juan González, quen no 2002 promoveu como membro fundador do IEM e como concelleiro de Cultura, a súa distinción como fillo adoptivo. “A Del Riego debémoslle tamén a doazón a Nigrán de mil libros da súa colección persoal de Lourido”, recordou o rexedor, quen avanzou que unha sala da Biblioteca será bautizada co seu nome e que a propia exposición será emprestada a toda aquela entidade que, a posteriori, queira acollela. Pola súa banda, Carlos Méixome definiu a Del Riego como “un militante e un traballador cun proxecto claro para Galicia” e Soutullo sintetizou a biografía.

“Non podo esquecer nunca esas mañás (…) paseando pola praia de Lourido, dúas voltas, dúas veces de ida e de volta, ata xunta do Regueiro, mollando os pés na auga ou pisando as areas douradas e falando cos amigos que decote me acompañaban”, é un dos extractos do propio Del Riego que figuran na exposición nun panel específico sobre a súa vinculación con Nigrán.

Máis actos

O Concello de Nigrán, ademais de nomear unha sala da Biblioteca como “Francisco Fernández del Riego”, ofrecerá o martes 16 de maio unha serie de actos na súa honra. Así, pola mañá o alcalde depositará un ramo de flores en nome da veciñanza na súa tomba no cemiterio de San Pedro e ás 20:00 horas, xunto á placa dedicada a el no areal de Lourido, a nigranesa Lucía Doval ofrecerá un concerto e Teatro do Ar unha pequena obra de teatro, ambas actuacións preparadas ex profeso para esta homenaxe.