Sin categoría

Baiona cambia 468 luminarias por tecnoloxía LED

O Concello de Baiona levará a cabo o cambio de luminarias tradicionais na vía pública por lámpadas LED. Procederase á substitución de 468 puntos de luz de diferentes viarios. Estes traballos supoñen un investimento de 123.180 euros e levaranse a cabo nestes días con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), da Deputación de Pontevedra e con fondos propios do Concello de Baiona. O obxectivo da Concellería de Electricidade, que dirixe Óscar Martínez Álvarez, é reducir o consumo de enerxía eléctrica na iluminación pública.

“Este proxecto vai supoñer un importante aforro de enerxía e un aforro económico ao ano. Ademais, a substitución destas luminarias fai máis sostible a contorna, melloran a calidade da iluminación e reducen os custos de mantemento da instalación, xa que as luminarias de tecnoloxía Led teñen unha vida útil máis longa, son máis eficientes enerxéticamente e permiten unha regulación instantánea do fluxo lumínico”, explica o concelleiro. Por outra banda, cabe destacar que este aforro supoñerá unha diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera e unha diminución da contaminación lumínica.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que “o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio e dar continuidade á instalación de tecnoloxía led. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente. Esta actuación busca unha mellora para as persoas usuarias diarias destes viarios e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade máis dun 80% e reducir o gasto da luz que soporta mensualmente”.

Esta nova substitución de luminarias por tecnoloxía Led súmase ás numerosas actuacións realizadas en diferentes zonas da localidade dentro deste plan de mellora da iluminación pública da localidade.

Rúas con Led

As rúas e camiños onde se levarán a cabo os cambios son Rúa Celavella, Camiño das Revoltas, Cabreiro e Camiño O Sinal en Baredo. En Fontes-Baíña, no Camiño das Chans, Camiño da Costa e no viario principal de acceso ao barrio. No Camiño da Granxa e no Camiño do Sobreiro en Belesar. En Santa Cristina da Ramallosa no Camiño As Fontiñas, na Rúa Sabarís Xuncal, no Camiño Das Canas, no Camiño Alborada e no Outeiro. En Baiona no Camiño do Pino Manso, no Camiño Rolán, no Barrio da Anunciada e no Camiño Barxiela.