A Área Sanitaria de Vigo entrega o premio do II Concurso da Xornada Mundial de Hixiene de Mans

A Área Sanitaria de Vigo entregou hoxe o premio do II Concurso Xornada Mundial da Hixiene de Mans. A gañadora, elixida nun sorteo público entre todo o persoal acertante, foi a anestesista do Hospital Álvaro Cunqueiro, Reyes Ceresuela. O premio, por cortesía do Hotel Attica 21 -que estivo representado polo seu director, Danielle Provezza- foi un bono agasallo que inclúe unha estadía para dúas persoas nese establecemento, cun circuíto de hidroterapia e dous menús gastronómicos.

No transcurso da entrega do premio, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, agradeceu o patrocinio do Hotel Attica 21, así como a colaboración nesta iniciativa de El Corte Inglés e da Federación de Empresarios de Turismo e Hostalería da provincia de Pontevedra. Así mesmo, tivo palabras de gratitude para os organizadores das actividades conmemorativas da Xornada Mundial de Hixiene de Mans -que tan boa acollida tiveron entre o persoal- principalmente a subdirección de Enfermaría, o servizo de Medicina Preventiva e a Unidade de Calidade de Coidados da Área Sanitaria.

O Concurso, no que participaron máis de 300 traballadores da Área, consistiu nun cuestionario on line con varias preguntas relativas á correcta hixienización das mans.