Sin categoría

Juan González presenta este venres en Nigrán a súa nova candidatura para gobernar nos vindeiros 4 anos

O alcalde socialista de Nigrán e candidato ás municipais, Juan González, presenta este venres 12 de maio ás 20:30 no Auditorio Municipal a súa nova candidatura para gobernar Nigrán os vindeiros 4 anos, sendo este o seu primeiro acto de campaña, polo que esbozará os principais retos para o que sería o seu terceiro mandato. As seguintes citas serán parroquia a parroquia: o sábado 13 ás 20:00 horas en Priegue, o domingo 14 ás 12:00 no Centro Cultural Parada do Miñor, o venres 19 ás 20:30 no local da Asociación de Veciños en Panxón, o domingo 21 ás 12:00 en Chandebrito, o xoves 25 ás 20:30 no Centro Cultural “A Camoesa” e o venres 26 ás 20:30 horas clausura na Alameda da Ramallosa.

Juan González aposta novamente polo seu núcleo actual de goberno e incorpora tres caras novas para concorrer ás eleccións do 28 de maio co obxectivo de culminar proxectos en marcha e emprender novos retos. Así, suma no número 4 a Sara Penedo Vázquez (veciña de Panxón de 27 anos e licenciada en Ciencias do Deporte), no 5 a Estela Pérez Pérez (licenciada en Maxisterio e quen xa fora concelleira nos anos 2007-2010) e no 7 a Roberto Garrido Pereira (veciño de Nigrán de 34 anos licenciado en Historia). “Mantemos o núcleo de goberno co relevo natural que se pode producir despois de 8 anos de goberno, por iso incorporamos a tres persoas mozas, con solvencia académica e persoal e que, en definitiva, cremos que teñen moito que aportar a Nigrán”, sinala o rexedor.

“Somos conscientes de que quedan moitas cousas por facer en cada parroquia e estamos desexando levalas adiante. Temos un proxecto en marcha desde 2015 que non se pode parar. Estes anos de bagaxe deixan clara unha forma de xestionar próxima, accesible e amable: poñemos o corazón en todo o que facemos. Seguiremos sendo un goberno atento, formado por veciños comprometidos socialmente, cos pés na terra, e que atenden fielmente as necesidades dos seus concidadáns”, sinala González, quen manifesta “a mesma ilusión e as mesmas ganas”. “Atrás quedan dous mandatos de intensos cambios en Nigrán. No 2015 iniciamos en minoría proxectos que con esforzo e paixón fomos quen de levar adiante e xa desde o 2019, con ampla maioría, fomos acadando outros logros e, ao mesmo tempo, establecendo novos retos ilusionantes que están a piques de florecer”.

“A miña vida é Nigrán, é onde traballo, onde socializo, onde fago deporte, onde paseo, onde compro… todo o mundo me coñece como veciño antes de como alcalde, e por iso insisto sempre en que eu non quero gobernar para a maioría, eu quero gobernar para todos e todas, sen excluír nunca a ninguén. O meu compromiso e a miña ilusión por seguir avanzando é absoluto”, remata.

Así, nesta lista que concorre ás eleccións do 28 de maio repiten Rubén Rial Sánchez, actual concelleiro de Vías, Obras, Limpeza, Servizos Urbanos e Seguridade; Diego García Moreira, actual concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Persoal; estréase no número 4 Sara Penedo Vázquez (veciña de Panxón de 27 anos e licenciada en Ciencias do Deporte) e tamén no número 5 a veciña de Chandebrito Estela Pérez Pérez (licenciada en Maxisterio e quen xa fora concelleira nos anos 2007-2010); xa no número 6 sitúase Bibiana Peixoto, actual concelleira de Servizos Sociais; seguida no 7 de outra cara nova, Roberto Garrido Pereira (veciño de Nigrán de 34 anos licenciado en Historia) e a continuación os actuais concelleiros Cristina Dosil, Patricia Diego, Alfonso Vázquez, María Mayán, Ladislao e Mari Luz Pérez Vidal. Pechan a candidatura Aurea Brión, Alfonso Suárez, Luis Sanromán e Marina Vidal (actuais concelleiros de Deportes e Educación, respectivamente), Joaquina Barros (secretaria de Alcaldía), Luciano Iglesias e José Rodríguez Fernández.

CANDIDATURA SOCIALISTA

  1. Juan A. González Pérez. Alcalde de Nigrán. Historiador. San Pedro.
  2. Rubén Rial Sánchez. Teniente de Alcalde. Concelleiro de Vías e Obras, Limpeza, Servizos Urbanos e Seguridade. Bombeiro do GES. Nigrán.
  3. Diego García Moreira. Concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Medio Ambiente, Réxime Interior e Persoal. Avogado-Economista. Camos.
  4. Sara Penedo Vázquez. Panxón. Licenciada en Ciencias do Deporte. Panxón.
  5. Estela Pérez Pérez. Chandebrito. Licenciada en Maxisterio. Chandebrito.
  6. Bibiana Peixoto Iglesias. Concelleira de Servizos Sociais. Mestra. San Pedro.
  7. Roberto Garrido Pereira. Nigrán. Licenciado en Historia. Nigrán.
  8. Cristina Dosil Valverde. Concelleira de Turismo, Xuventude e Participación Cidadá. Operaria de automoción. Parada.
  9. Patricia Diego Travieso. Concelleira de Igualdade, Voluntariado e Comercio. Perruqueira. San Pedro.
  10. Alfonso Vázquez Pérez. Concelleiro de Sanidade, Abastos, Mercados, Turismo Social e Festexos Populares. Xubilado. Parada.
  11. María Esperanza Mayán Areal. Concelleira de Terceira Idade. Auxiliar de Enfermaría. Camos.
  12. Ladislao Alonso Valverde. Concelleiro de Relacións Veciñais, Medio Rural e Actividades Marítimas. Xubilado. San Pedro.
  13. Mariluz Pérez. Concelleira. Xubilada. Camos.
  14. Aurea Brión Toucedo. Panxón. Xubilada. Panxón.
  15. Alfonso Suárez Gameiro. San Pedro. Xubilado. San Pedro.
  16. Luis Sanromán Román. Concelleiro de Deportes. Xubilado. Priegue.
  17. Marina Vidal Lorenzo. Concelleira de Educación. Mestra. Panxón.
  18. Joaquina Barros Sanromán. Secretaria de Alcaldía. Diplomada en Relacións Laborais. Panxón.
  19. Luciano Iglesias Costas. Chandebrito. Xubilado. Chandebrito.
  20. José Rodríguez Fernández . Nigrán. Xubilado. Nigrán.