A incubadora High Tech Auto de Zona Franca presenta os proxectos a investidores

A incubadora High Tech Auto, que lidera Zona Franca, celebrou a lonxa de financiamento presentando os proxectos a investidores, nunha sesión na que participou o delegado do Estado, David Regades; e o alcalde de Nigrán, Juan González. En total son nove os proxectos que iniciaron a incubación na cuarta edición.

Relatores expertos e emprendedores compartiron, no centro de negocios de Porto do Molle de Zona Franca, coñecementos e experiencias cos promotores das anteriores edicións da incubadora. Así, houbo unha key note por parte de Antía Fernández, directora de Innovación de Gradiant, e organizouse unha mesa de experiencias, que abordou o papel dos investidores coa participación de Netun Solutions, Perfect Numbers e Certifix.

Balance HTA

Desde o inicio dos programas de HTA en xaneiro do 2021 ata febreiro de 2022, liderada pola Zona Franca, presentáronse 90 candidaturas de proxectos, incubáronse 40 proxectos de emprendemento en distintas fases e apoiáronse a 63 emprendedores.

Ademais, constituíronse un total de 18 empresas. A última en sumarse ao club con contratación é Vancubic, que pasou a producir o seu módulo de camperización con métodos industriais e ten os primeiros pedidos.

Impulsouse e conseguido que 9 proxectos participen en aceleradoras: DOOROTI, VI&GO, TRUCK MMS, PHIVehicle, Jadebotanics e WAVYDRIVE.

Un total 6 proxectos (todos en Vigo) de 36 (17% dos proxectos participantes) foron convidados en participar no Start up Day de ViaGalicia 2023: VANCUBIC (Primeira edición), Certifix (Segunda edición), DOOROTI (Segunda edición), LUO KAI ELECTRICS (Terceira edición), VI&GO (Segunda edición), 5SPECIAL (Cuarta edición) 4 destes foron seleccionados na aceleradora.

Tamén 9 proxectos que pasaron pola incubadora foron seleccionados por aceleradoras Dooroti, Certifix, VANCUBIC, LUO KAI ELECTRICS, Vi&Go, Wavydrive, PhiVehicle, Truck MMS e Jadebotanics.

A High Tech Auto é a primeira incubadora de Galicia que está especializada no sector da automoción e a mobilidade e supón unha oportunidade para favorecer a transferencia de ideas e tecnoloxías ao tecido empresarial do sector de automoción, sector auxiliar de compoñentes e servizos avanzados, así como aos distintos ámbitos e aplicacións que abarca a mobilidade.

Busca o desenvolvemento de ideas e proxectos en fase semente ou incipiente coa idea de validar as ideas e tecnoloxías para posteriormente construír un modelo de negocio innovador ao redor dela.

A participación en HTA facilita unha porta de entrada a un sector estratéxico e incrementa a visibilidade dos proxectos nun mercado tan competitivo como o da automoción.

Os proxectos que se están incubando na cuarta edición:

-5Special é unha marca de roupa sostible e accesorios para o mundo do motor, que combina calidade, tendencia e funcionalidade. Todo o seu proceso creativo e de produción desenvólvese desde a perspectiva de “vangarda e tradición da man”, co fin de adaptar a historia do motor e as aventuras ao mundo actual. As súas coleccións e produtos estanse producidas eticamente en Galicia e Portugal en obradoiros artesanais locais.

-A Escola de Autotrónica nace no 2014 para cubrir unha necesidade de formación na electrónica automotriz, pero agora quere dar o salto cara a unha docencia en formato dixital, a través dunha plataforma de cursos e a animación en 3D dos seus contidos.

-Trevo céntrase na fabricación de impresoras 3D de leito de po metálico (SLM), ofrecendo aos clientes tanto formación como comercialización dos produtos, venda de software, consumibles e máquinas de postprocesado das pezas impresas.

-Despunte dedícase á fabricación de modelos, prototipos e animacións 3D para comunicación industrial e científica e o mundo audiovisual, videoxogos e AR/VR. Complementariamente, realizan tamén traballos no campo da electrónica e programación para robótica e automatismos sinxelos a través de solucións integrais a medida.

-NewMind nace co obxectivo de desenvolver unha serie de ferramentas tecnolóxicas, tanto hardware como software, que permitan mellorar a interconexión coa plataforma DXT 3.0 e contribuír á mellora da experiencia de usuario e a súa seguridade.

-More-Movilidad Rural Eléctrica, é un proxecto tecnolóxico orientado a incorporar a mobilidade eléctrica no rural mediante o despregamento dunha rede de puntos de recarga de baixo custo adaptada ás zonas de implantación e aproveitando infraestruturas eléctricas xa existentes.

-Motocicleta adaptada consiste no desenvolvemento dunha motocicleta adaptada para o seu uso por persoas de mobilidade reducida (PMR), especialmente para persoas en cadeira de rodas, de maneira que poidan acceder a ela, conducila de maneira segura e estacionar o vehículo dunha maneira completamente autónoma.

-Zeltener Tech baséase nun proxecto dirixido ás melloras organizativas, operativas e ambientais a través do desenvolvemento dun software de xestión enerxética, que permita o balance dinámico e a tempo real de electricidade entre as empresas xeradoras e consumidoras pertencentes a unha comunidade enerxética, ademais de cubrir as demandas de enerxía de consumo particular, como postos de recarga de vehículos eléctricos.