Lucenza – Ateneo de Nigrán vén de solicitar oficialmente ao Concello que este ano se tomen medidas extraordinarias para unha boa xestión medioambiental da festa de San Xoán no areal de Panxón – Area Loura, onde se produce a maior afluencia de persoas e se concentran a maior parte dos impactos negativos sobre os ecosistemas naturais.
Considera Lucenza que non é incompatible que a xente veña gozar da festa tradicional de Panxón con respectar, como é debido, o medio natural que os acolle. E por iso solicitan ao Concello un bando ou norma regulatoria que restrinxa as cacharelas á fogueira tradicional de Panxón e que impida a sobrepresión sobre as zonas máis sensibles do areal e os grandes movementos de area que nel se chegan a facer por parte dalgúns participantes da festa. Neste senso, propoñen seguir o exemplo do veciño Concello de Vigo, onde as fogueiras, por pequenas que sexan, están prohibidas en todos os areais do municipio.
Recoñece Lucenza o efecto positivo das campañas publicitarias que nos últimos anos o Concello de Nigrán realiza nos días previos á festa, co obxectivo de corresponsabilizar á xente no desenvolvemento da mesma e na recollida do lixo. Mais isto, na opinión da asociación, resulta claramente insuficiente e por iso demandan que o Concello, xunto coas outras administracións competentes na xestión dos espazos naturais e do dominio público marítimo-terrestre, tomen con urxencia cartas no asunto, establecendo as medidas que máis conveñan para unha defensa efectiva dos ecosistemas naturais que ano tras ano se ven afectados.
Propón Lucenza, por último, unha campaña de sensibilización social máis ampla nos seus obxectivos que en anos anteriores, centrada na importancia que ten coidar o areal e comportarse con responsabilidade ambiental nesta xornada festiva.

