A xira JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA chega á fermosa vila de Nigrán con moitas actividades dirixidas a un obxectivo común: comunicar e dar a coñecer, poñendo en valor e outorgando o espazo que merece na memoria colectiva dos galegos e galegas, a obra, percorrido vital e profesional e inmenso amor polo cinema de JOSÉ GIL, un rapaz de orixe humilde nado en 1870 na aldea de Rubiós (As Neves) que a pesar diso logrou desenvolver un traballo de grande relevancia na historia do cinema galego.
Eran aqueles os tempos nos que o cinema estaba nacendo en todo o mundo, facéndose un oco, máis rápido do que podamos imaxinar, nas vidas de todos nós, ata acadar na actualidade o lugar preminente que sen dúbida ten. Na Galicia dese tempo, José Gil foi o primeiro e o máis persistente traballador e artista a prol dunha arte non comprendida totalmente. Director, operador de cámara, fotógrafo, produtor, exhibidor de cine… E isto a pesar das trabas e dificultades, profesionais e de índole persoal, que tivo que sortear durante toda a súa vida.
“Nos días encantados de agosto”, biografía de José Gil escrita por Manolo González (Ed. Galaxia) logo de 30 anos de pesquisas na vida e a obra do iniciador da arte audiovisual en Galicia, vén de ser galardoado co prestixioso Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio, e será presentado en Nigrán polo seu autor no marco do programa que se achega á vila do Val Miñor.
Varias parroquias do concello de Nigrán aparecen en “Nuestras Fiestas de allá” (1928) e nas filmacións que Gil realizou para as Escolas de Valle Miñor como “Exploradores del Valle Miñor” (1926). Tamén foi en Nigrán onde se incendiou o prototipo do 1º Cinemóbil. Os días 12 e 13 de maio estará en Nigrán o novo Cinemóbil, o Nº3, que imita ao orixinal e poderá ser visitado polos alumnos e alumnas, veciños e veciñas da vila, da man do director de cine Ignacio Vilar (A esmorga, 2014) e de Manolo González.
JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA é un proxecto de VÍA LÁCTEA FILMES en colaboración con Cine na Rúa e Editorial Galaxia, que conta co apoio da DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA.


