Dani Bargiela e Sofía Freaza triunfan na VII Carreira Nocturna S4 de Nigrán

A tarde-noite de deporte en Nigrán abríase coas carreiras dos nenos e nenas, con distintas categorías e distancias. A madriña do evento, Teresa Portela, facía un breve quecemento con todos eles antes de cada saída. A canguesa, coma sempre malgastou simpatía, facendo divertida a impaciente espera dos novos atletas. Durante máis de cincuenta minutos os familiares e curiosos puideron ver as “fazañas” dos peques, e xa non tan peques.

21:30 horas, a saída das carreiras de 5000 e 10000 metros que compartían circuíto a carón de Praia América. A diferencia é que na distancia longa terían que realizar dúas voltas. Nos prolegómenos fotos para as medallistas olímpicas Susana Rodríguez e Teresa Portela, ás que aínda lles quedan xornadas de gloria.

Na proba longa, Dani Bargiela, volveu confirmar que se atopa nun gran momento de forma. O pontareán, logo dun par de anos de continúas lesións, e a pesar de ir cumprindo anos, segue a ter moita calidade. Marcou o seu ritmo dende o inicio, e no paso dos cinco mil era clara a súa avantaxe, que confirmaría na liña de chegada, cun tempo de 32.54. Outro “vello” rockeiro, Rubén Pereira -Fisioterapia San Lázaro- era segundo con 34.04; mentres Javier Conde, do C.A.R. Marisqueiro, paraba o crono en 34.40.

A historia repetiríase no apartado feminino coa vitoria de Sofía Freaza, que na metade da competición xa tiña a suficiente avantaxe sobre as súas perseguidoras. Vitoria, con menos de 40 minutos para a atleta do Comesaña, 39.27 exactamente. Soledad Leiro, a segunda clasificada, chegaba a case un minuto de diferencia, 40.25 para a competidora do San Miguel de Marín. O bronce finalmente para Laura Gallego do Delikia con 41.43.

A carreira dos 5 quilómetros contou coa presenza, e claro triunfo de Susana Rodríguez, que viña facer un test, antes da importante cita do Campionato do Mundo de Tríatlon. A viguesa estaba satisfeita co seu rexistro de 18.50, e da compenetración co seu guía. Noemí Álvarez e Julia Savado a acompañaron no podio.

Pola súa banda, gran carreira do novo Roque González, con 16.08 non daba oportunidade a Sergio Fernández e Pablo Alonso. Coa entrega de premios finais, ben entrada a noite, púñase punto e final á VII Carreira Nocturna Nigrán S4, que este ano batía novo récord de participantes.