Este domingo o Vigo-Rías Baixas volve poñer en xogo a súa coroa da Volta Comarca Brigantina. A estrutura presidida por José Luis Chamorro impúxose nas dúas últimas edicións da proba coruñesa e buscará o seu terceiro triunfo consecutivo en Betanzos. Para iso, contará cun bloque comandado por Asier González, un dos ciclistas máis destacados a nivel estatal no que vai de tempada.
O corredor burgalés ocupa a cuarta posición no Clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) e marcha sétimo na xeral da Copa de España. Tras sumar puntos para ambas as dúas clasificacións na Santiktuz Klasika coa que arrancou esta semana, Asier González terá como socios na segunda xornada da Copa Galicia Elite-Sub23 a Aitor Bugarín, Iago Carou, Pelayo Alonso, Miquel Valls, Juan Pablo Ortega, Cristino Lanchas, Mario Villarino, Martín Barrero e José Pérez. Ao volante do coche flúor estará o seu director deportivo Jesús Blanco Villar.
Gañador en 2021 con Miguel Ángel Fernández e en 2022 con Cole Davis, o Vigo-Rías Baixas atoparase un percorrido que varía respecto ao de anteriores edicións. A 27ª Volta Comarca Brigantina inclúe catro portos de montaña nos seus 168 quilómetros, cun desnivel acumulado de 2400 metros, e unha parte final en descenso que conducirá ata a liña de meta de Betanzos. Un trazado moi rompepernas, unha boa pedra de toque para unha das grandes citas da tempada: a Vigo Copa España do próximo 21 de maio.

