O Concello de Nigrán vén de sacar a contratación a renovación completa dos vestiarios do campo de fútbol de Vilariño por importe de 187.444 €. As empresas interesadas dispoñen ata o 25 de maio para presentar as súas ofertas e as obras deberán ser realizadas durante a tempada estival para non afectar ás competicións oficiais. As actuais instalacións, situadas baixo as bancadas, atópanse en estado calamitoso tras décadas sen remodelarse, ademais de non cumprir os mínimos criterios de accesibilidade.
“Era unha demanda lóxica do club porque é certo que están totalmente obsoletos ao non tocarse desde a súa construción e, polo tanto, non responden en absoluto ás mínimas necesidades dos deportistas, ademais de non ser accesibles e ofrecer unha imaxe decadente”, explica o alcalde, Juan González sobre este campo municipal na que adestran máis de 350 futbolistas, nenos e adultos, nun total de 17 equipos.
Así, o proxecto contempla a creación de dous novos vestiarios con capacidade para 20 usuarios cada un, dous para árbitros, un aseo para discapacitados e, finalmente, un almacén. Ademais, axeitarase a entrada ao mesmo por medio dunha escaleira que dea á parte central do campo e tamén unha rampla no oeste da grada (actualmente non existe ningunha medida de accesibilidade).
Os novos vestiarios ocuparán unha superficie de 60 metros cadrados e constarán de aseos e duchas, o de árbitros (con aseo e ducha) 18 metros cadrados, o de discapacitados 4,5 metros cadrados e o almacén 24 metros cadrados.

