Sin categoría

Ribera Povisa consolídase no top 20 dos mellores hospitais privados de España

Ribera Povisa foi seleccionado como un dos vinte mellores hospitais privados de España nunha clasificación elaborada por Top Doctors. A listaxe, na que non aparece ningún outro centro da comunidade galega, foi realizado tendo en conta a calidade e experiencia do cadro médico, os nomeamentos dos doutores e persoal sanitario e as valoracións dos pacientes.

É a primeira vez que Top Doctors, unha empresa especializada na certificación de especialistas médicos, elabora unha listaxe dos hospitais privados de mellor calidade do país, aínda que non é algo novo para Ribera Povisa, que ano tras ano forma parte da clasificación Merco (Monitor Empresarial de Reputación Corporativa) dos mellores centros sanitarios privados de España. De feito, no último informe elaborado por Merco -en novembro- tamén foi recoñecido o servizo de Radiodiagnóstico como o mellor de Galicia.

Povisa, que abriu as súas portas en 1973 e celebra este ano o seu cincuenta aniversario, foi o primeiro hospital galego en conseguir a prestixiosa acreditación Joint Commission, considerada a máis esixente do mundo. Alcanzou este logro en 2013 e revalidouno desde entón -a última, en 2022-, froito do esforzo dos seus traballadores e dunha procura constante dunha excelente calidade asistencial, sometendo cada protocolo do hospital a un proceso permanente e exhaustivo de análise. Desde o uso de medicamentos, dereitos do paciente e a súa familia, humanización dos procesos asistenciais e prevención de erros de medicación, ata a política antibiótica ou terapéutica.

A Joint Commission forma parte dunha longa serie de distincións recibidas por Ribera Povisa como a acreditación EMRAM (Electronic Medical Record Adoption Model), a UNE 179003, a acreditación QH (Quality Healthcare) do Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS) ou a Certificación Nacional de Seguridade Asistencial, entre outras.

Recentemente, no mes de marzo, o hospital vigués tamén recibiu en Madrid o certificado MAPBM pola eficiente xestión das transfusións de sangue nos procesos cirúrxicos.